Contan con máis solicitudes
A Xunta de Goberno da Estrada autorizou no mediodía deste luns a conversión de tres baixos comerciais en cinco vivendas, todas para o entorno da Avenida de Santiago. Son as primeiras que se conceden desde a entrada en vigor en 2023 da nova normativa urbanística de Galicia.
Dende o departamento de Urbanismo recoñeceron que existen varias solicitudes para realizar este cambio. Amalia Goldar dou algunhas das claves que permiten facer esta conversión, sempre tendo en conta que cada caso é diferente e require unha análise en detalle.
Para comezar, este cambio só se pode facer tendo unha licencia e, para obtela, hai que presentar unha solicitude no Concello acompañada do proxecto asinado por un arquitecto e visado polo colexio profesional correspondente. Ademais, ten que ser nun solo urbano.
No tocante á vivenda exterior, é necesario que se poida garantir a privacidade dos residentes. En caso de que a rúa careza de pendente que dificulte cumprir con ese requisito, existen varias opcións técnicas, como pode ser que as pezas residenciais se atopen por encima dos 1,80 metros sobre o nivel da vía.
Tanto a ventilación coma a extracción de fumes deben realizarse a través dun espazo de calidade. En canto á superficie, é posible habilitar un estudo nun baixo sempre que a estancia posúa, como mínimo 25 metros cadrados sen contar coa superficie dos servizos esixidos. En relación coa altura, poden transformarse en residencias aqueles baixos que teñan, polo menos, 2,5 metros de altura.
Subliñaron que, en caso de querer convertelos cunha finalidade turística, existe unha normativa específica. Isto afectaría a vivendas de uso turístico, vivenda turística ou apartamentos.
Existen precedentes
Antes do cambio da normativa xa se podían habilitar baixos comercias como residencia, aínda que os requisitos eran máis estritos – por exemplo, a altura mínima tiña que ser superior aos 3,2 metros. Esta flexibiización atende ao progresivo abandono de baixos en moitas cidades e vilas, coa conseguinte degradación.
Deixar un comentario