Gonzalo Louzao e a aposta polo turismo: “o que nos falta é xestionalas para vendelas cara a fóra”

Gonzalo Louzao e a aposta polo turismo: “o que nos falta é xestionalas para vendelas cara a fóra”

Con motivo do primeiro ano de Gonzalo Louzao como alcalde da Estrada, Xornal da Estrada publicou o pasado domingo un especial no que se entrevistaba ao mandatario e aos tres líderes da oposición.

Preguntado por como lembra o momento no que xurou o cargo, Louzao comentou que o fai “con moitísima responsabilidade”, pois foi “unha semana de facerse á idea, foi todo moi rápido”.

“O que se fixo foi unha transición, desde fóra, segundo nos din, modélica”, asegurou, engadindo que se continuou cos proxectos xa planificados. Destacou a labor dun equipo que, “con traballo, con moito esforzo e con escoitar moito á xente” para conseguir “os resultados que estamos vendo”.

Á hora de valorar o seu primeiro ano, califícao como un “ano tremendamente intenso” que sentiu “que foron máis de doce meses. E con isto quero dicir que foron 12 meses de moitísimo traballo, moitísimo esforzo, de traballar incansablemente para que estes 12 meses foran o máximo aproveitados posible”.

Aínda que cre que o mellor que se fixo durante eses 12 meses “ten que avalialo cada unha das vinte mil cento e pico persoas que somos os estradenses”, puxo o aceno en que marcouse “o rumbo nese 50 máis 1”, ou o que é o mesmo, na importancia do rural.

Falou de “plans como os investimentos históricos en asfaltados que plantexamos para este 2025″ que, aínda que “é unha ínfima parte do que se necesita, é o camiño a seguir” para ter “os núcleos ben comunicados”, da dobre pasada de desbroces ou de que se desbrozou o 100% das pistas da parcelaria, algo “histórico”, segundo el. Avanzou que se está traballando para rematar a traída de Tabeirós e Nigoi e na planificación dos 6 millóns de euros de fondos europeos que se destinarán ao rural.

O seu top 3 do mellor que se fixo completaríano o polígono de Toedo, que “vai avanzando a nivel de tramitación” e estáse “aproximando á realidade de ter o solo necesario” e “moitas empresas se están achegando a este Concello para ter información de primeira man porque lles interesa a situación do concello da Estrada” e a AG-59, “que xa se están realizando as expropiacións para ese segundo tramo”.

Agardou que non se fagan “soamente 4 parcheos” na N-640 e resaltou que se construirán 26 vivendas de titularidade pública e as medidas anunciadas polo seu goberno para atallar o problema da vivenda.

En canto ao que se podía ter feito mellor ao longo do ano, referiuse “a esas pequenas cousas ás que moitas veces non damos chegado” por limitacións de material ou económicos. Agardou poder “chegar de forma máis áxil” poñendo máis recursos e persoal e pediu desculpas por non alcanzar a todo.

Outro dos asuntos é a recollida do lixo, que están traballando para mellorar a recollida selectiva e “implantar a obrigatoriedade do contedor marrón”. A terceira “espiña cravada é a xestión turística” dos elementos patrimoniais, culturais e paisaxísticos, indicando que “o que nos falta é xestionalas para vendelas cara a fóra e para crelas nós mesmos”.

Para rematar a entrevista, recibiu unha pequena sorpresa, que se pode ver a partir do minuto 15 no vídeo que abre esta nova e que lle sacou “unha lagrimiña”.


Imaxe de portada: Gonzalo Louzao // cedida

Comentarios

Deixar un comentario