Con motivo do primeiro ano de Gonzalo Louzao como alcalde da Estrada, Xornal da Estrada publicou o pasado domingo un especial no que se entrevistaba ao mandatario e aos tres líderes da oposición.
Mar Blanco Casais, voceira de Móvete, asegurou que desde a súa formación “consideramos que foi un ano perdido en canto ao gran obxectivo que ten enriba da mesa o concello da Estrada que é cortar a sangría poboacional” e botou en falta medidas para a creación de emprego e melloras nos Servizos Sociais. Afirmou que “esta é a lexislatura de garantizar que somos capaces de fixar poboación e de garantizar que somos capaces de darlle servizos aos nosos veciños e veciñas”.
Para ela, o peor que se fixo foi “manter a estructura organizativa que tiña ata este momento”. Considerou “un erro” que Louzao manteña a carteira de Rural, pois o encargado dela “ten que ter dedicación exclusiva” e “xuntar a concellería de Servizos Sociais coa de Urbanismo”, que tamén deberían ter dedicación exclusiva.
Lamentou que as propostas da oposición para dinamizar o rural non se teñen en conta e que non se aumenten os servizos de atención aos maiores ou aos rapaces que asisten á Atención Temperá.
E como sempre hai algo que se fai ben, quixo recoñecer a “accesibilidade que hai” ao alcalde, pois é “un alcalde que recibe a todo o mundo” e que participa en todos os eventos nos que pode “ao largo e ancho” do concello e “algo que creo que vai facer ben, xa o demostrará”, é que ten “moi claro que, para presentarse a unhas eleccións, con tres ou catro fotos de cousas feitas”.
Imaxe de portada: Mar Blanco // Xornal da Estrada


Deixar un comentario