Normalidade despois da escuridade

🟩 O Concello dobregou o dispositivo de seguridade.

🟩 A subministración eléctrica recuperouse de madrugada.

🟩 Á ausencia de electricidade sumáronse problemas coa cobertura e internet, que deixaron a Ribela incomunicada.

🟩 Xornal da Estrada tamén se viu afectado polo apagamento, aínda que conseguiu facer unha cobertura a través de WhatsApp e xa prepara un especial ‘Xornal Semanal’.

Luns, 28 de abril de 2025, 12.33h. A subministración eléctrica vaise en toda a península tras desaparecer durante 5 segundos o 60% da electricidade que se producía para suplir a demanda.

Isto ten dúas consecuencias inmediatas: varias persoas quedan atrapadas en ascensores – Emerxencias tivo que rescatar a tres persoas – e toda rede wifi deixa de poder empregarse e, consecuentemente, Ribela queda incomunicada a través do teléfono – en moitos puntos non teñen cobertura -, polo que os veciños teñen que trasladarse a outras parroquias para establecer contacto a través do móvil. Pouco despois comezan a rexistrarse problemas coa cobertura en múltiples puntos do concello, incluído o casco urbano.

Continúan pasando as horas e a luz segue sen volver, polo que moitos comercios pechan. A Policía Local tivo que desprazarse ata varios establecementos e garaxes que non conseguían pechar as portas e tivo que acompañar a unha traballadora dunha sucursal bancaria para o peche da porta central da entidade.

Ás 16.00h a cobertura continúa empeorando en moitos puntos e, de feito, o Xornal da Estrada ten que facer a súa cobertura en directo a través da súa canle de WhatsApp porque non chegan os datos móbiles suficientes para acceder á web.

A media tarde o Concello convoca un encontro para coordinar o dispositivo de seguridade nocturno. As dificultades para comunicarse por vía telefónica obrigan a ter que convocar o encontro de xeito domiciliario. Foi “algo extraordinario, nunca pensado”, asegurou Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada.

Establécese que a Policía Local conte con dúas patrullas e catro axentes, mentras que Emerxencias teña dúas patrullas e seis axentes. Contáctase coa Garda Civil, que terá unha patrulla no concello, e pídeselle que se encargue da vixilancia do rural. Este mesmo efectivo despregaríase na noite do martes ao mércores para manter a sensación de tranquilidade.

A través das redes sociais difúndese unha mensaxe coas recomendacións que fixeran Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, quen se atopaba na sede do 112 na Estrada.

Tanto desde a Policía Local coma desde Emerxencias destacan a predisposición dos membros a colaborar, chegando a presentarse nas casas para saber se era necesaria a súa presenza no operativo cando era imposible contactar por vía telefónica.

Ademais, as patrullas empregaron en todo momento a mesma frecuencia e estiveron conectados co 112, pois era prácticamente imposible coordinar o operativo a través do teléfono.

A partir das 19.00h os problemas de cobertura agravábanse no sur do concello e, polo tanto, deixábanse notar no minuto a minuto do Xornal da Estrada, que non podería actualizar a información ata ás 9.30h deste martes.

Mentras que pasadas as 21.00h zonas de Cuntis, Matalobos e do val do Vea recuperaban a subministración, no casco urbano e na meirande parte do municipio caía a noite pecha, outorgando unha oportunidade única para desfrutar das estrelas.

Alfonso Rueda anunciaba ao remate da reunión do CECOPI que se suspendían as clases deste martes e, pouco despois, solicitábase o nivel 3 de emerxencia, polo que asumía o Goberno de España o control da situación. Unha hora máis tarde, Sánchez anunciaba que, aínda que se suspendían as clases, os centros permanecerían abertos, tendo lugar unha situación curiosa.

Avanzaba a noite e, arredor das 3.30h, o casco urbano e parte do rural recuperaba a subministración eléctrica, poñendo punto final a esceas tan curiosas como a que se pode observar na imaxe que ilustra esta nova: a alameda e a Rúa Castelao completamente ás escuras só sendo iluminadas pola patrulla da Policía Local e por un cidadán que tiña accesa unha linterna.

En zonas do leste do municipio non recuperarían a electricidade ata as 9.00h. Mentras, os problemas coa cobertura deixáronse notar durante toda a mañá en moitos puntos.

Emerxencias tamén se desprazou durante a xornada do luns ás dúas residencias de maiores para saber se tiñan algún tipo de necesidade. Ambas contan con xeradores. Tamén se achegaron ata o centro A Baña, xestionado por Apacaf.

Nun dos garaxes do tramo final da Avenida de Santiago foi necesaria a interveción de Emerxencias despois de que deixaran de funcionar por mor da falla eléctrica as bombas de achique que funcionaban todos os días de forma continua no garaxe, polo que comezou a subir o nivel da auga. Por iso, os efectivos facilitaron un xerador.

Outra das incidencias destacadas produciuse nun inmoble tras recuperar a subministración. Nel produciuse un incendio derivado dunha placa vitrocerámica. Afortunadamente, o lume só afectou á cociña e á campá extractora.

Radio Estrada tamén se viu afectada polo apagamento, tal e como recoñeceu Pablo Chichas no Salta da Cama.

Especial do Xornal Semanal

Debido á situación excepcional vivida, Xornal da Estrada publicará o vindeiro domingo unha edición especial do Xornal Semanal cun monográfico do sucedido.


Imaxe de portada: Un vehículo policial e unha linterna, a única iluminación nas rúas estradenses // cedida

Comentarios

Unha resposta a “Normalidade despois da escuridade”

Deixar un comentario