Mar Blanco Casais, voceira de MÓVETE
O dereito á vivenda está recoñecido no artigo 47 da Constitución Española, que establece que todas as persoas teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Remarca ademais que os poderes públicos teñen a responsabilidade de promover as condicións necesarias para garantir este dereito e regular o uso do chan para evitar a especulación. Así mesmo a nivel internacional este dereito tamén está recoñecido na Declaración Universal de Dereitos Humanos e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, que reivindican políticas gobernamentais adecuadas para asegurar unha vivenda digna para todas as persoas.
Tras anos obviando o dereito a unha vivenda digna, atopámonos co que posiblemente é o problema que mais preocupa a cidadanía en xeral e á estradense en particular, debido ao encarecemento do acceso á vivenda.
No noso concello o prezo da vivenda, tanto no relativo á súa adquisición, como ao seu aluguer, veuse incrementado nos últimos anos, o que se debe á suma de moitos factores, mais o principal é unha redución na oferta de vivendas producida pola falta de vivendas de protección pública, así como por unha desconfianza de certas persoas arrendadoras á hora de poñer as súas vivendas no mercado de aluguer, debido a un clima creado para favorecer o negocio de certas empresas de seguridade e outras organizacións no que se xeneraliza a idea falaz de que as persoas arrendatarias usualmente se dedican a manterse nas vivendas sen abonar a renda.
Así mesmo vimos de presentar unha iniciativa para que o goberno da Estrada adopte unha serie de medidas que pasan subvencionar o custo dos seguros de garantía de pago de rendas e seguro do fogar que cubra os danos que poida producir o inquilino no mesmo, en contratos de duración superior ao ano e durante a vixencia da relación arrendaticia. A cambio o arrendador terá que establecer no contrato un prezo limite do alugueiro de 4/euros mes metro cadrado, tendo en conta a superficie do inmoble que apareza en catastro con categoría de vivenda, o prezo só se poderá actualizar coa subida IPC como máximo.
Con esta medida cómprense dous obxectivos, en primeiro lugar baixar o prezo de mercado dos alugueres na Estrada, sen ningún tipo de imposición ao arrendador. En segundo lugar dar garantías ao arrendador sen ningún custo nin para este nin para o arrendatario, de xeito que exista unha maior oferta de vivendas en aluguer pola tranquilidade que estes seguros poidan ofrecer ao arrendador.
En canto á memoria económica desta medida, estimamos que un seguro de garantía de alugueiro pode alcanzar o 5% da renda anual do alugueiro, o custo do seguro sería ao redor duns 240 euros, cifra moi parecida á que podería costar anualmente un seguro do fogar. Polo tanto, o Concello da Estrada podería establecer esta medida por menos de 500 euros por cada novo contrato de alugueiro. Estimamos, sendo optimistas, que anualmente se poden formalizar uns 50 contratos que se acollan a esta medida, polo que o custo anual para o Concello sería como máximo 25.000 euros.
Así a proposta defendida desde Móvete contribuiría non só a abaratar o custo da vivenda, senón tamén a fixar poboación para non baixar da cifra de 20.000 habitantes. Pois o descenso desta cantidade suporía para o Concello da Estrada un custo expoñencialmente maior que os 25.000 euros anuais nos que se estima a presente proposta.



Deixar un comentario