Feijóo visita o 112 na Estrada e pide coñecer “as causas de ter feito un ridículo internacional”

Feijóo visita o 112 na Estrada e pide coñecer “as causas de ter feito un ridículo internacional”

Este venres Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP; Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Luis López ‘Lugués’, presidente da Deputación de Pontevedra e Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, visitaron as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112, ubicado na Estrada.

Rueda congratulou a decisión tomada por Feijóo no seu momento de centralizar todas as emerxencias nun único edificio e apostou pola inversión nas emerxencias. “Se son eficaces, nunca é tirar diñeiro” asegurou.

Lembrou que as reunións do CECOPI polo apagamento tiveron lugar nese edificio e quixo felicitar “a todo o persoal: persoal de emerxencias, persoal da Xunta de Galicia que, sendo responsables de diferentes consellerías, estiveron aquí durante moitísimas horas traballando”. Ademais, asegurou que a situación foi xestionada de xeito “aceptable” en Galicia.

Pola súa banda, Feijóo quixo recoñecer o traballo dos traballadores das emerxencias, “que funcionaron dunha forma exemplar durante o apagón” e o “comportamento exemplar” de “todos os cidadáns españois”.

“Pasaron catro días e, nin o Goberno nin Red Eléctrica, explicaron aos españois que ocorreu”, lamentou o expresidente da Xunta de Galicia. Comentou que “só pode haber dúas posibilidades: unha incompetencia manifesta do Goberno de España ou que se nos está ocultando o que pasou para intentar conseguir un relato”.

Pediu “certezas” e coñecer “as causas de ter feito un ridículo internacional”. Sorprendeulle que “se nos diga que non vai volver a pasar, pero que non se nos diga que pasou” e que “se nos di que é cedo para chegar a conclusións pero tamén se nos di que o Goberno non ten ningunha responsabilidade”. Amais, solicitou unha “auditoría independente internacional que acredite exactamente o que pasou”.


Imaxe de portada: De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo e Paula Prado duranta a visita ao CIAE-112 // PP

Comentarios

Deixar un comentario