Tras gañar As Nosas Músicas na categoría de festivais do ano pasado, A Estrada conta con tres candidatos aos Premios Martín Códax. Na categoría de bandas de música está a Banda Municipal da Estrada, mentras que, na de rock e punk, foron nominados Os John Deeres e Loita Amada.
A nominación da Banda Municipal foi grazas ao seu proxecto Carme, sempre túa! Este comezou na pandemia, cando Manuel Brey Villar, percusionista da agrupación, sacou do caixón unhas cartas que escribira a súa bisavoa en 1911. Delas saíu unha emotiva novela, titulada Carme e que Simón Couceiro convertiría en música.
Deste xeito, conseguiuse unha melodía que fai vibrar aos oíntes e que narra a historia dunha emigración. Esta peza estreouse en 2024 e conta coa participación dos actores Silvia García, Abel Eiros e Mateo Pereira.
Loita Amada é un grupo creado polo estradense Pablo Carracedo Jásper. Nacido da canción protesta e o rock máis contundente, presenta unha proposta única que combina compromiso social, enerxía escénica e unha profunda conexión coa cultura galega.
Con Jásper (vocalista e guitarrista), Davide Salgado (guitarra), Alberte Fernández (baixo), Xiana Naval (trombón), Ana Cuñarro (trompeta) e Amós Varela (batería) abarca desde ritmos propios do punk e o ska ata os máis tradicionais galegos.
No caso dos John Deeres, a finais de 2024 publicaron o seu último disco, O círculo das formigas. O título inspirouse nas formigas que se van seguindo unhas ás outras ata que unha delas se perde e remata seguindo o seu propio rastro, formando unha espiral á que se suman cada vez máis exemplares, ata que comezan a xirar en círculos e morren. Isto recordoulle á banda a forma de vivir actual.
É unha obra que se dividiu en dúas partes: “Pulso” e “Inercia”, que Berto Cardona, responsable da parte gráfica, representou na portada e na contraportada coma o ying e o yang.
Ademais, contan coa colaboración de Miriam Rodríguez. Ela encargouse de crear a peza audiovisual de “Inercia, parte III” e participará nos directos coas súas videocreacións.
Como votar
As votacións abríronse este xoves e pecharánse o 25 de maio. O proceso atópase aberto na web dos Premios Martín Códax, na que os votantes se terán que rexistrar antes de votar. Para que o voto sexa válido deberáse votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de 5 categorías.
O reconto faráse a través dunha regra de baremación: o 50% da puntuación final corresponde ao voto do público e, o 50% restante, ao dos socios e socias de Músicas ao Vivo, organizadora dos galardóns.
Imaxe de portada: Carme, sempre túa! // cedida


Deixar un comentario