O Concello desvelou os nomes de persoas e entidades que recibirán o vindeiro domingo 18 o Salmón de Ouro. Na edición “50+1” súmase un novo galardoado, sendo 4 as imposicións, 1 máis do habitual.
Como é habitual, un deles será o pregoeiro, Xosé Antonio Touriñán. Acompañaráno o Estradense, Rosaura Leis Trabazo e o Centro Cultural del Partido de La Estrada en Bos Aires.
Xosé Antonio Touriñán

Actor, humorista, produtor e director. Touriñán comezou a súa carreira no ano 2002 e pasou por filmes como Cuñados, +Cuñados ou Fariña e por programas da TVG como Luar, Land Rober, Padre Casares, Era Visto e Catro Gatos. En 2022 dirixiu a súa primeira curtametraxe, Nena.
CD Estradense

Equipo de fútbol local. En 2025 celebra o seu centenario. Fundárono Emilio Velasco García, comandante do Batallón de Reserva da Estrada e primeiro presidente do Club, e o empresario Jesús Durán Taboada en 1925. O 31 de maio xogou o seu primeiro partido en Caldas de Reis contra un equipo de Padrón, con vitoria estradense.
Actualmente, presidido por Toño Camba, xoga en Terceira RFEF e xogará os playoffs de ascenso a segunda. Ademais, esta fin de semana poderíase clasificar para competir na Copa do Rei. O pasado martes 6 presentou o documental que repasa a súa historia, Un legado de cen anos.
María Rosaura Leis Trabazo

Catedrática de Pediatría na USC, coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico de Santiago, presidenta da Fundación Española de la Nutrición (FEN), coordinadora do Comité de Nutrición y Lactancia Materna da Asociación Española de Pediatría (AEP) e presidenta da Sociedad Española de Investigación en Nutrición y Alimentación Pediátrica (SEINAP) nacida na Estrada. Tamén é investigadora e coordinadora de grupos de investigación, coma do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica ou os centrados na prevención da obesidade infantil, entre outros.
Centro Cultural del Partido de La Estrada en Bos Aires

Nace como resultado da fusión da Unión Estradense e da Federación Agraria de La Estrada e aproba o seu nome en 1943, sendo Francisco Porto o seu primeiro presidente. Constrúe as súas instalacións tras adquirir un campo de recreo en 1953, aportando cada membro o valor de compra dun metro cadrado. No 1974 vende as súas dependencias e reconstrúe unha vella casona na Calle México, actual sede da asociación. Editou durante anos a revista cultural El Estradense e, en 1983, foi visitada por primeira vez pola Banda de Música Municipal da Estrada. O 25 de maio celebrará a súa propia Festa do Salmón.
Imaxe de portada: montaxe cos condecorados // Imaxes: Xornal da Estrada / Concello da Estrada / touri.gal / Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

Deixar un comentario