Prevíase que fose un 400 metros lisos, pero finalmente tivo de por medio algún obstáculo. Este luns o Concello recibiu a homologación por parte da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) da pista de atletismo que fora inaugurada en outubro.
Unha homologación que chega xusto a tempo para que este domingo se celebre a primeira competición oficial: o Campionato Provincial de Atletismo en Pista de categoría alevín.
O persoal encargado achegouse recentemente ás instalacións para comprobar que se subsanaran os erros atopados na primeira inspección e, tras recibir o visto bo, podería acoller competicións nacionais.
Pero mirando ao futuro máis próximo, a competición deste domingo enmarcaráse dentro dunha xornada Xogade. Nela, os atletas alevíns competirán en carreira sen obstáculos, salto horizontal, salto de altura e lanzamento.
Isto chega no momento no que a media mensual de usuarios xa chegou aos 100 usuarios, cifra que se duplicou no primeiro mes de funcionamento e á que habería que sumar os deportistas dos clubes de atletismo. Para poder acceder a elas hai que pedir con antelación o seu uso e, antes de utilizalas, hai que recoller unha tarxeta na piscina climatizada que se empregará tanto para entrar como para saír.
As pistas contan con 400 metros de corda e oito rúas. Teñen espazos habilitados para o lanzamento de martelo, peso, disco e xavelina, salto de altura e salto de pértega, fosos de saltos de lonxitude e triplo salto, bancada e cabina de control na recta de meta. Ademais, estáse a construír un módulo multideporte anexo que permitirá a realización de adestramentos e competicións a cuberto.
Imaxe de portada: pistas de atletismo da Estrada // Xornal da Estrada


Deixar un comentario