Animar ao Estradense ten premio: o equipo premiará ao balcón mellor decorado

Animar ao Estradense ten premio: o equipo premiará ao balcón mellor decorado

Haberá bandeiras á venta e bus gratuíto para a ida das semifinais

O Estradense chegou aos playoffs de ascenso a 2ª RFEF e é o momento de tirar a casa pola ventá para celebralo e animar aos rojillos. Ante un momento histórico, tal e como se fixera hai catro anos, a vila vaise engalanar e o vermello e o branco van ser as cores predominantes nas rúas.

O Estradense, a ACOE e a Asociación de Hostaleiros da Estrada lanzaron un concurso no que se premiará aos dous balcóns, os dous escaparates e os dous establecementos de hostelería mellor decorados para a ocasión.

Os mellores balcóns recibirán unha tarxeta con 150 euros para gastar na hostelería local; os mellores escaparates serán agasallados cunha noite para dúas persoas en réxime de media pensión nunha casa rural e, no caso dos locais de hostelería, un dos premios serán produtos de Noribérica e, o outro, unha tarxeta con 150 euros para gastar en establecementos da ACOE.

Para participar hai que subir fotos do balcón, escaparate ou local decorado e mencionar ao Estradense, á ACOE e á Asociación de Hostaleiros da Estrada. O premio entregaráse o día seguinte ao que os rojillos rematen a súa aventura na fase de ascenso, ben perdendo en semifinais ou ben gañando a final.

Ademais, na mañá deste martes decorouse o balcón consistorial e, nos vindeiros días, colocaránse bandeiras nos farois.

Nos campos de fútbol distribuiránse bandeiras do equipo, que terán que ser devoltas. En caso de querer mercar algunha, estarán á venta no Arco da Vella e en Agasallos A Estrada. Estas terán un custe de 15 euros. Para a hostelería e os comercios da ACOE haberá unha promoción coa que poden mercar a bandeira e unha bufanda por 25 euros.

Toño Camba, presidente do club, destacou que, nalgúns encontros, había máis xente no público do Estradense ca do propio equipo local e confirmou que se cumplirá unha demanda da afección: haberá bus gratuíto de ida e volta para o partido de semifinais contra o Noia, que se celebrará este sábado ás 12.00h.

Para poder ir nel hai que anotarse nas oficinas de Helvetia. Camba pediu contención: “non vale anotar a 10 persoas”, senón que se podería anotar unha ou dúas persoas, “se vas coa parella”. Engadiu que, en caso de ser necesario, fletaráse máis dun autobús, pois nun sondeo realizado xa atoparon 50 persoas interesadas.

O partido decisivo celebraráse o domingo 25 ás 12.00h no Novo Municipal. Será o partido de volta e, tras el, terá lugar a festa de fin de tempada. Deste xeito, despois de rematar o partido haberá unha comida.

O prezo das entradas marcárono tanto o Estradense coma o Noia, sendo o mesmo para a ida e para a volta. A entrada para os adultos custará 12 euros e, para os rapaces e rapazas de entre 16 e 23 anos, 6 euros. Os socios tamén terán que pagar 6 euros e, os xogadores das Escolas de Fútbol Base, entrarán de balde, sempre e cando vistan a súa equipación.

No caso de que o Estradense gañe a semifinal (17 e 25 de maio) e a final de grupo (1 e 8 de xuño), xogaría a final nacional (15 e 22 de xuño), coa que podería ascender a Segunda RFEF.


Imaxe de portada: Presentación da campaña Decora o teu balcón // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “Animar ao Estradense ten premio: o equipo premiará ao balcón mellor decorado”

  1. Avatar de O Estradense celebrará a festa fin de tempada este domingo – Xornal da Estrada

    […] Ademais, continúa aberto o concurso de decoración de balcóns, escaparates e locais hostaleiros. […]

    Gústame

Deixar un comentario