Por primeira vez as Letras Galegas adicaránse a un grupo coral: as cantareiras. Por iso, a programación contará cun especial protagonismo da música tradicional, sempre sen perder esquecerse doutros ritmos.
Mostra disto é que este xoves ás 20.30h na Casa das Letras terá lugar o concerto didáctico Axúdame a cantar con Felisa Segade e Montse Rivera, ambas de Leilía. Roi Casal será o encargado de estrear a gran carpa que se está instalando na Praza do Concello. Faráo o venres ás 22.00h.
O sábado ás 12.00h, os cantareiros e cantareiras dos Regueiriños de Lamas e membros de Tequexetéldere serán os encargados de dar o pregón das Letras. Despois, os máis pequenos das agrupacións farán a ofrenda floral no monolito de Marcial Valladares, na alameda. Ao rematar, comezará un concerto da Banda de Gaitas de Barbude.
Ás 20.00h será o Festival Folclórico do Salmón no que participan Tequexetéldere e Caramancho, un grupo de promoción do floklore extremeño procedente de Don Benito (Badaxoz). Para rematar a xornada das Letras, Treixadura ofrecerá un concerto no escenario da Praza do Concello a partir das 22.00h.
Non todo vai ser música. O venres ás 17.00h na Casa das Letras poderáse desfrutar do contacontos Viaxes e cancións dos ratos, de Lonxedetodo.
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, asegurou que, con esta programación, xunto coa prevista para a Festa do Salmón, búscase que A Estrada se converta nun referente cultural e musical.
“É case como volver a casa”
Roi Casal, quen tamén estivo na presentación da programación, valorou a aposta pola cultura feita desde o Concello destacando que a programación cultural “é incrible” e que a da Estrada “é mellor que a de vilas máis grandes”.
Para el, vir á Estrada “é case como volver a casa”, pois en 15 anos de carreira en solitario estivo cada “dous ou tres anos” na Estrada, sendo en 2018 o encargado do pregón do San Paio.
Tras sete anos con Son galego, son cubano, chega co seu novo proxecto, Ambos mundos. Nel fai un repaso pola súa carreira, comezando coa música máis clásica e rematando cos seus últimos temas.
Para rematar, pediu que se siga apoiando á música en galego, porque “Galicia non é tan grande” e, “se os concellos non programan música galega, acaba desaparecendo”.
Imaxe de portada: Gonzalo Louzao e Roi Casal // Xornal da Estrada


Deixar un comentario