Belén López, concelleira do PSOE, considerou “inadmisible” que se vaia a gastar máis de 400.000 euros para reducir á metade o tamaño do vaso grande e valorouno como “unha nova chapuza do goberno de Gonzalo Louzao”.
“A Estrada debe ser o único Concello de Galicia onde se fai unha actuación de centos de milleiros de euros para empeorar os servizos que se prestaban. É un escándalo”.
Belén López, concelleira do PSOE da Estrada
Explicou que, ao reducir a piscina dos 25×50 metros actuais aos 25×25 metros, pérdese a oportunidade de acoller determinados campionatos. Culpou ao goberno municipal deste feito, pois “os supostos problemas técnicos que apareceron eran perfectamente salvables pero esixían un pouco máis de inversión, claro”.
“Os socialistas levamos pedíndoa dende hai anos”, lembrou, en referencia á reforma das piscinas, aínda que considera que “non se debería degradar o servizo”.
López quixo lembrar os “bandazos” que se deron en relación á reforma das instalacións: “pasamos de ter un acuapark a ter unha reparación do vaso grande, e finalmente este goberno preséntanos unha piscina da metade do tamaño actual”.
Recordou que ela propuxo “unha axenda de actividades para aproveitar as piscinas moito máis”, con actividades para os maiores nos meses de verán. Mentras, afirma, en 2024 “Gonzalo Louzao recortou o servizo de piscina un mes,” porque “en setembro comezaba a reforma, pero o único certo é que ata xaneiro deste ano non se adxudicou o contrato”.
Imaxe de portada: obras na piscina // Xornal da Estrada

Deixar un comentario