A Estrada acollerá o primeiro festival pop-rock infantil de Galicia

A Estrada acollerá o primeiro festival pop-rock infantil de Galicia

O Son dos Arrieiros fará unha pausa para repensar o formato: “Isto non é un ‘ata sempre’”

O 1 de xuño A Estrada acollerá o “primeiro festival pop-rock infantil de Galicia” na carpa situada diante do Concello, tal e como confirmou este mércores o alcalde Gonzalo Louzao.

Baixo o nome de Arrieiriños – unha referencia ao Camiño da Geira e dos Arrieiros e ao festival O Son dos Arrieiros -, este festival acollerá diversas propostas musicais para os pequenos da casa nunha aposta do Concello “pola diversión familiar”.

Comezará ás 18.00h co concerto de Pakolas, cantante que é “un referente nas escolas polo seu contido”. Ás 19.00h será o turno de Uxía Lambona, coñecida polas súas versións de música tradicional e por incluír xogos nos seus espectáculos. Para rematar, ás 20.00h poderáse desfrutar de “Broken Peach”, grupo que transita por unha ampla variedade de estilos, coma o soul ou o rock e que conta con milleiros de reproduccións en redes sociais grazas ás súas versións de cancións nas que mudan a letra.

Haberá agasallos para os nenos e nenas, ademais de postos de comida e de diversión.

Nos vindeiros días faráse unha campaña de promoción en todos os centros educativos da Estrada, estendéndoa a outros de concellos veciños.

Programación cultural na carpa instalada na Praza do Concello // Xornal da Estrada

O Son dos Arrieiros fai un parón

O festival O Son dos Arrieiros, que organiza unha empresa independente e que conta co apoio do Concello, decidiu facer un parón para repensar o seu formato.

“Despois de catro edicións inesquecibles, cheas de música, emoción e un amor sen límites pola nosa música, chega o momento de facer unha pausa, de respirar fondo e reflexionar sobre o camiño que queremos seguir, como bos arrieiros que somos”

Comunicado do Son dos Arrieiros

Segundo confirmou Gonzalo Louzao, esta decisión débese a que os promotores do evento atopáronse con serias dificultades para poder confirmar artistas, pois estes antepoñerían asistir a festivais de pago antes ca a festivais gratuítos coma O Son dos Arrieiros.

Este festival naceu na pandemia e conseguiu que, os que eran artistas emerxentes naquel momento, sexan na actualidade cabezas de cartel.

“Isto non é un ‘ata sempre’. É un ‘ata pronto’ cheo de esperanza, unha pausa necesaria para volver máis fortes, máis inspirados, e con máis ganas de seguir apoiando e honrando a nosa cultura”

Comunicado do Son dos Arrieiros

Imaxe de portada: presentación do Arrieiriños // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario