60 rapaces e rapazas de cuarto de primaria do CEIP Pérez Viondi asistiron ao primeiro pleno infantil celebrado durante o mandato de Gonzalo Louzao.
Antes de que o alumnado ocupara os seus asentos, o propio Louzao explicoulles que o Concello é a administración máis próxima aos cidadáns e a “casa de todos os estradenses”.
Comentou que todos os cidadáns poden seguir os plenos a través de internet e gravaron a súa particular sesión en circuíto interno para que os rapaces puidesen desfrutar dunha experiencia o máis próxima á realidade posible.
Os que foron concelleiros por un día mostráronse moi participativos e propuxeron un camiño escolar seguro, un carril bici e un aparcadoiro cuberto para poder deixar as súas bicicletas diante do colexio.
O alcalde avanzoulles que o acceso ao centro vai cambiar “moi pronto” e comprometeuse a que os técnicos municipais avalíen a proposta de crear un carril bici.
Os alumnos do Pérez Viondi levaron como agasallo un libro dos Bolechas na Rapa das Bestas de Sabucedo e puideron coñecer o despacho do alcalde, sentarse na súa cadeira e saír ao balcón. Para despedirse fixeron unha foto de grupo ao pé do consistorio.





Deixar un comentario