O Concello da Estrada continúa coa campaña “A Estrada Recicla”, coa que pretende informar e sensibilizar sobre a necesidade de reciclar. Desta volta a campaña fixo unha parada en tres dos centros educativos do municipio. Concretamente, foi nos CEIP O Foxo, Cabada Vázquez (Codeseda) e Manuel Villar Paramá (Vea).
Prevése que este mércores volva a colocarse no centro do casco urbano a cartelería explicativa sobre que residuos vai a cada contedor. Amais, este sábado poderémola atopar no entorno do Novo Mercado. A intención do goberno municipal é que esta campaña chegue a todos os centros educativos e ás parroquias, ademais de contar cunha xornada no casco urbano coa participación de diferentes colectivos.
Segundo comentan desde a Casa Consistorial, cada día mobilízanse 20.000 quilogramos de lixo ata a planta de Sogama en Cerdeda, ou o que é o mesmo, cada veciño produce, de media, case un quilo de residuos ao día. O obxectivo do goberno local é reducir a cifra de residuos impropios, pasando do 50% ao 20%.
Imaxe de portada: campaña no CEIP O Foxo // Concello da Estrada


Deixar un comentario