O Premio IES-G recae na empresa Exprés de Vea

O Premio IES-G recae na empresa Exprés de Vea

O IES Avelina Valladares outorgou o X Premio IES-G á empresa de transporte de pasaxeiros Exprés de Vea. O xurado, formado por alumnado de 4º ESO do instituto estradense, valorou o seu uso normalizado da lingua galega e os valores de confianza, proximidade, calidade, confort e seguridade que caracterizan á empresa.

Parafraseando o seu lema, o xurado entendeu que fan “que a viaxe da lingua galega sexa un éxito”, pois converte o galego nunha ferramenta de comunicación viva, que une terras culturas e persoas. Por iso, quixeron agradecer o traballo que os leva acompañando desde hai tempo en moitas saídas e actividades.

María Balado, Lía Expósito, Noa Cajaraville e Rocío Rosales foron as encargadas de comunicarlle aos administradores de Exprés de Vea, Pablo Cerviño e Manuel Barcala, que son merecedores do galardón. Este entregaráse durante a IX edición da “Revista Viva. Nós de Nós”, gala na que o teatro, a música e a literatura servirán de fíos condutores para repasar a actividade escolar do curso e que acollerá o Teatro Principal o martes 17 ás 17.00h.

Imaxe de portada: o xurado cos administradores de Exprés de Vea // cedida

Comentarios

Deixar un comentario