Representantes da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo e do Concello da Estrada, acompañados polos da asociación Codeseda Viva e por Valentín García, secretario xeral de Lingua, achegáronse este xoves a Braga (Portugal) para presentar a Rapa das Bestas e o Camiño da Geira e dos Arrieiros, elementos comúns da parroquia.
Na presentación que fixeron no Posto de Turismo de Braga, deron a coñecer a Rapa das Bestas, explicando o xeito de xuntar as greas, a tradicional “baixa” ou traballo que se realiza no curro. Ademais, deron a coñecer as cifras do Camiño da Geira e dos Arrieiros, que nos últimos 8 anos rexistrou máis de 6800 peregrinos e emitiu máis de 2.700 Compostelas. Deles, o 70% proceden de Portugal, fronte a un 16% que o fan de España. De feito, dos 375 peregrinos contabilizados este ano, o 96% comezou o Camiño en Portugal, cun 72% que o fixo desde Braga.
Valentín García explicou que a Rapa das Bestas é “un suceso continuo dun feito antropolóxico que ten que ver coa natureza e coa idiosincrasia do pobo galego á hora de agarimar estes animais tan nobres e tan potentes”. En canto ao Camiño da Geira, mostrou a intención de “promover, protexer e achegar” que ten a Xunta de Galicia.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, destacou que “igual que o Camiño da Geira e dos Arrieiros, a Rapa das Bestas é un exemplo de convivencia, tradición e identidade. Os dous son un legado do pasado que temos que coidar no presente para asegurarlle un futuro”.
68 profesionais acreditados
En canto aos medios acreditados para a Rapa das Bestas deste ano, Louzao avanzou que xa o están 68 profesionais procedentes de medios de comunicación de 10 países (Estados Unidos, Escocia, Exipto, Reino Unido, República Checa, Romanía, Nova Zelandia, Francia, España e Portugal). Contan con que a cifra de traballadores da comunicación poida duplicarse ou, incluso, triplicarse nas vindeiras semanas.
Imaxe de portada: delegación en Braga // Concello da Estrada

Deixar un comentario