Este venres o IES Manuel García Barros inaugurou a exposición “Aprendendo da festa”, na que fan un repaso dos palcos de festa cos que conta – ou contou – o concello, desde aqueles que están intactos ata os que están máis deteriorados ou os que foron reutilizados coa construción dun local, coma en Ouzande e Guimarei.
Ademais do mapa coas imaxes de onde se atopa cada palco, podemos ver representacións en 3 dimensións dalgúns. A exposición continúa coas fotografías de varios alumnos do instituto estradense que tocan na Banda de Música Municipal da Estrada e coas das persoas que foron entrevistadas polo alumnado e nas que destacaron unha frase de cada un.
Tamén podemos ver como eran os carteis das festas de Berres – moi diferentes dos actuais – para rematar cunhas fotografías antigas de diferentes festas.
Todo iso foi posible grazas ao traballo do mestre Xurxo Ínsua e dos alumnos Tomás Barros, Xiana Cacho, Carolina Conde, Noemi Darriba, Pablo García, Mara Iglesias, Raja Oubelkhir, Paula Rego (1º Bach Artes), Iago Carballo, Aixa Conte, Samuel Correa, Verónica Alejandra González, Iago Castedo, Óscar Paz, Mario Ramos, Lorena Barreiro, Antía Filloy, Aldara Mato, Samantha Rodríguez (4º ESO Expresión Artística), Victoria Aller, Mario Álvarez, Carla Campos, Iria Cancela, Helena Castaño, Adrian Gañete, Lara Godoy, Carla Otero, Adrián Pérez, Antía Pérez, Marcela Suárez e Marco Vázquez (1º Bach). Tamén colaborou o fotógrafo Luis Díaz.
A exposición poderáse visitar ata o domingo 29 – excepto o sábado 21 – en horario de 18.00 a 20.00h na Sala Abanca.













Deixar un comentario