A traída municipal de Codeseda vén de rexistrar nos últimos días picos de aconsumo anormalmente altos, polo que o Concello está buscando a causa destes. Nestas datas, habitualmente o consumo móvese entre os 18 e os 24 metros cúbicos diarios, pero recentemente ascendeu ata superar os 40.
Óscar Durán, concelleiro de Servizos Municipais, apuntou a que se podería deber a acometidas que non se deron de alta no padrón fiscal, polo que solicitaron ao ORAL a listaxe das que se realizaron. Isto prodúcese porque se detectaron consumos asociados a inmobles que non figuran neste servizo e enganches ilegais á traída sen pasar polo correspondente contador.
“Queremos esclarecer estes consumos e asegurar, en favor de todos os usuarios desta rede, que se pague por toda a auga que se consume”
Óscar Durán
Durán resaltou a importancia de anticiparse aos problemas que o estío conleva, especialmente nesta rede de abastecemento, e recoñeceu que esta situación mudou moito nos últimos anos grazas ás actuacións realizadas.
Xa en 2024 se producira un pico de consumo anormalmente elevado e o Concello anunciara unha investigación, aínda que rematara sen atopar a causa, pero sentando un precedente.

Deixar un comentario