Son as 19.30h do martes, 17 de xuño. Pese a ser un día solleiro, a alameda está case baleira – sobre todo comparado con outros días de ceos despexados – e non é de extrañar. Hoxe estar na rúa é unha actividade de valentes.
Unha hora e media antes a estación da AEMET na Estrada – que se atopa na zona dos institutos – rexistrara a temperatura máxima da xornada: 36,9º. Iso poderiámolo traducir a: “superouse o umbral de aviso por temperaturas máximas (36º) pero non había ningún aviso activo”.

Pasadas as 13.00h superábanse os 30º e, desde as 15.00h, os mercurios estabilizábanse superando os 35, facendo insoportable estar na rúa e, especialmente, ao sol. De feito, ás 19.30h, na Praza da Constitución só estaban ao sol os que están obrigados a permanecer no sitio: os monumentos e estatuas.
Andamos pola Rúa Justo Martínez e atopámonos coas terrazas cheas pois, polo menos, a rúa está á sombra dos edificios e un non ten tanta sensación de abafo. Se seguimos ata a Rúa Calvo Sotelo a imaxe non pode ser máis descriptiva: a metade que se atopa ao sol, case baleira; a metade da rúa que está á sombra, coas terrazas cheas de xente.

Se decidimos subir ata o alto do monte, levaremos unha grata sorpresa: non vai tanta calor. En Forcarei a máxima situouse nos 31,9 graos, 5 menos ca na Estrada.
Alí, aínda que o día non foi tan caluroso, si que o foi a noite. A temperatura non baixou dos 19,2 graos cando, na Estrada, descendera ata os 14,4. Isto vén provocado pola inversión térmica, algo que moi probablemente volva ocorrer esta noite.
Imaxe de portada: a alameda, este martes // R. R.


Deixar un comentario