A comisión de festas visitou este mércores o Concello no inicio da distribuación do libro conmemorativo das festas de San Paio deste ano. Calcúlase que este permitirá financiar o 55% das festas.
Manuel Gañete e Nemesio Rey comentaron que participaron 314 empresas, comercios e hostaleiros. A maioría son estradenses, aínda que tamén se sumaron empresas de Santiago, Cuntis, Caldas de Reis, Teo, Bergondo, Forcarei ou Rianxo. Este ano aumentou o número de firmas, polo que foi necesario que o libro teña 23 páxinas máis.
Amais dos anuncios correspondentes, o libro conta con imaxes de festas e lugares de referencia do concello, como poden ser a Festa do Salmón, a Rapa das Bestas ou o Pazo de Oca.
Precísase máis financiamento
O orzamento do cartel deseñado sitúase nos 190.000 euros, dos que 60.000 foron aportados polo Concello e, en torno a 104.500, polas empresas participantes no libro.
A parte correspondente ao petitorio entre os veciños, recoñeceron Gañete e Rey, non está acadando a recadación agardada. Lembraron que estarán ata comezos da vindeira semana diante da Sala Abanca, en horario de 11.00 a 13.30h.
Imaxe de portada: Manuel Gañete e Nemesio Rey cos libros das festas // Concello da Estrada


Deixar un comentario