Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, asegurou que o seu partido ve “preocupantes” as declaracións dos membros do goberno municipal que parecen “máis fóra da realidade ca dentro”. Comentou que o contrato de acondicionamento de zonas verdes por máis de 110.000 euros “vén da ausencia dun plan de mantemento das zonas verdes”, algo que o PP “votou en contra”.
Iso conlevou, segundo o socialista, que teñamos “zonas verdes que están inutilizables todo o ano” e puxo como exemplos a Carballeira municipal, a Praia Fluvial de Liñares e os parques infantís nas parroquias e na Avenida de Santiago, entre outros.
Ademais, recriminou a “parálise absoluta” en relación de novas humanizacións, “fóra das catro rúas nas que este goberno fai algo”. Lembrou o acordo plenario de hai varios anos para humanizar a Rúa San Paio pero que o goberno “ignora completamente mentres os veciños e veciñas non teñen nin un triste banco no que sentar”.
“O máis atinado sería aproveitar a reforma do primeiro tramo desa rúa (dentro da actuación sobre a Farola) para continuar a humanización”.
Luis López Bueno, PSOE da Estrada
Engadiu que a Avenida de América tamén precisa “unha reforma urxente”, pois “unicamente se cambiou o asfaltado, pero todo o demais continúa igual que hai 40 anos”.
O socialista tamén lembrou que en 2020 Louzao asegurara que “ía
facer cumprir as ordenanzas do PXOM”, pero que na actualidade “A Estrada continúa chea de edificios que se poden considerar en estado de ruína”.
Criticou que tendo subido un 25% o IBI, o goberno municipal non está materializando eses cartos en novas inversións. “O que está facendo Gonzalo Louzao é depreciar A Estrada cada día un pouco máis”, concluíu.

Deixar un comentario