Á maioría dos que estudan un ciclo de madeira ofrécenlles un posto de traballo

Á maioría dos que estudan un ciclo de madeira ofrécenlles un posto de traballo

Coincidindo co remate do curso académico, este venres o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitaron o edificio destinado á FP de Madeira e Moble no IES Antón Losada Diéguez.

O conselleiro explicou que “vén dar resposta a unha necesidade educativa deste instituto e dos ciclos da familia profesional da Madeira, moble e cortiza, que tiñan que utilizar en moitos casos as instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para as clases prácticas”. Rodríguez presentou este espazo como unha oportunidade para que poida aumentar o “tecido produtivo da contorna”.

Louzao destacou a calidade do sector da madeira na Estrada e que os futuros traballadores deste ámbito, “que se van a formar aquí, no Antón Losada Diéguez”, adaptáronse ao novo modelo da carpintería, lonxe dos mobles a medida que se facían antigamente.

O edificio que visitaron comezouse a empregar a finais do primeiro trimestre e o alumnado axudou na súa montaxe. Ofertan ciclos que van desde a básica ata a superior e, a iso, vánselle sumar o ciclo medio de FP dual de instalación e amoblamento e o ciclo superior de deseño e amoblamento.

Este curso contaron con 50 alumnos e alumnas, dos que a maioría que remataron o ciclo contaron coa opción de comezar a traballar. Tal e como comenta Xabier Bernárdez, xefe de estudos do IES, a Formación Profesional da familia da madeira ten “máis dun 90% de inserción”.

No caso da FP básica, foron 11 os alumnos aos que lles ofreceron traballo despois de facer as prácticas. No caso do medio, foron 9, dos que 5 aceptaron o posto e 4 optaron por seguir estudando, facendo un ciclo superior. A matrícula permanecerá aberta ata outubro ou, no caso de que suceda antes, ata completar prazas.

Imaxe de portada: visita de Román Rodríguez e de Gonzalo Louzao ao edificio da FP de madeira // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario