Este sábado comezarán oficialmente, os actos recollidos na programación oficial das festas patronais de San Paio. Nesta xornada terán lugar o encontro anual de Fillos e Amigos da Estrada, unha exhibición de Sincroburbullas e a Estranoite.
Ás 12.30h comezará o encontro de Fillos e Amigos da Estrada cunha misa polos estradenses falecidos. Ás 13.15h seguiráa un pasarrúas que os levará ata o monolito de Marcial Valladares, na alameda, onde se fará unha ofrenda. Acto seguido, recibiráse aos homenaxeados no Salón de Plenos do Concello e, ás 14.30h, comezará no Samaná o xantar de confraternidade, no que se fará entrega das insignias de ouro, placas de prata e diplomas de honra.
Pola tarde, poñeránse en marcha as atraccións que estes días se estiveron instalando na Feira. Ás 19.00h, uns 40 deportistas participarán na exhibición do clube estradense Sincroburbullas, que se celebrará na piscina climatizada.
Ás 21.00h dará inicio a Estranoite, que se aproveitará para acender o alumeado das festas.
Remata o A Fume de Carozo
Este sábado tamén rematará o A Fume de Carozo, que comezou este venres. Desde as 10.00 e ata as 21.00h remataráse de pintar o mural feito con graffiti na Rúa 25 de Xullo. A partir das 11.30h tamén se celebrará un taller de graffiti.
Na estación de autobuses, ás 10.00h comezará unha nova xornada de skate, que se alongará ata ás 16.30h. Ás 17.00h tomarán o relevo as batallas de freestyle, que servirán de clasificatoria para un evento en Padrón. Ademais, os que se acheguen á estación terán a oportunidade de serigrafiar as súas camisetas.
Imaxe de portada: montaxe das atraccións // Xornal da Estrada


Deixar un comentario