Os cidadáns non querían piche

Os cidadáns non querían piche

Román Suárez, PSOE da Estrada

Días atrás lin un artigo de opinión que trataba sobre a palabra “Estradensismo”. Cando alguén fala do teu invítate a pensar, e logo de facelo, percibín que o que alí se recollía quedaba lonxe da miña forma de entender este termo e que me gustaría plasmar a continuación.

De forma menos que máis acertada, o escritor do artigo tentaba de asociar o devandito orgullo de ser estradense a feitos nos que el participaba de algún xeito, nun intento sutil de converterse no seu promotor, no promotor do “estradensismo”.

A busca do sentimento de pertenza, da exaltación de identidade, é sen dúbida un dos recursos utilizados polo político.  Identificar aquilo que fai sentir a xente orgullosa do seu, das suas raíces, da súa orixe, do que é e será e logo promocionalo dunha forma interesada aparece no “PRIMEIRO VOLUME DE INICIACIÓN Á POLÍTICA”.

Son as festas San Paio, a festa da Sidra, a do Salmón, as procesións de Semana Santa da cofradía de Santa Cruz…o que exalta este sentimento Estradense? Non podo dicir que non, pero teño que dicir que non de xeito profundo, non de xeito diario e non de forma permanente.  

O “Estradensismo” ten unha parte común e unha parte persoal, pero onde debe de aparecer é nas vivencias cotiás, para que teña arraigo e sexa forte. Eu síntoo cada día ó ver a veciños da vila mercar en Calzados a Esquina, cando de camiño ó traballo vexo camións verdes e amarelos rotulados con “Hierros Diego”, ó ver os cativos xogando na nosa alameda e os non tan cativos volvendo das clases un martes á tarde calquera, cando vexo que novos veciños adquiren unha vivenda que levaba un lustro deshabitada. Podería seguir engrosando a lista pero, dun xeito condensado, eu síntome orgulloso en cada acontecemento no que vexo continuidade para a vila, no que vexo un futuro.

Un promotor do estradensismo é aquel fai da vila unha vila próspera. Non promove este sentimento tentar mover un emblema como é a farola, nin unha praza de abastos baleira, comercios pechados na rúa máis emblemática, unha ampliación tardía do polígono industrial, unha autovía a Santiago que se retoma tras estar paralizada nada máis e nada menos que 17 anos, un censo que descende a un ritmo dramático. A política seria vai disto e non de festas, que non se lle esqueza a ninguén. Con recursos e tempo calquera fai unha boa festa, solucionar os problemas que entristecen ao estradense xa require de habilidades de xestión máis complexas.

Remato cunha anécdota que se recordará nos libros de política municipal. Corría o ano 2015 cando un alcalde dunha vila galega pronunciou a celebre frase “Os cidadáns querían piche e empichamos o pobo”. Este alcalde non se dou conta que máis que piche os cidadáns necesitaban do importante. Espero que o alcalde da Estrada se decate de que os estradenses queren máis cousas que festas, que a maior parte dos meus veciños e veciñas ven a realidade do que pasa na vila e a súa maquillaxe non vai chegar para pecharlle os ollos.

Comentarios

Deixar un comentario