O San Paio continúa co primeiro tardeo e a segunda Ruada

O San Paio continúa co primeiro tardeo e a segunda Ruada

A programación festiva polo San Paio continúa durante o segundo festivo local. Como é habitual, este venres ás 10.00h lanzaránse as bombas de palenque. Ás 11.00h comezarán os pasarrúas da charanga Bandiños Band e da Banda de Música Municipal da Estrada e a Festa da Bicicleta, para a que se poderán recoller os dorsais desde unha hora antes.

Ás 13.00h a Banda Municipal dará un concerto na Praza da Constitución e, ás 14.00h, comezará a sesión vermú a cargo do dúo Punto Zero na Avenida Fernando Conde.

A primeira sesión de tardeo da historia recente das festas comezará ás 18.30h na Porta do Sol, da man da orquestra La Última Legión. A misa polo Santísimo oficiaráse ás 20.00h e estará cantada pola Coral Polifónica Estradense. A esa mesma hora comezará o concerto A música dos Valladares na Praza do Mercado, evento enmarcado dentro da programación do Ano Cultural Avelina Valladares.

Ás 20.30h a corporación municipal comezará a desfilar desde o Concello ata a igrexa, acompañada polas bandas Municipal da Estrada e de Gaitas de Paramos. Despois, acompañarán á procesión, que sairá ás 21.00h.

Pola noite, a Praza de Galicia acollerá a II Ruada na Estrada, na que participarán Tequexetéldere e A Ponte Vella e que comezará ás 22.30h. Unha hora máis tarde dará inicio a verbena coas orquestras La Última Legión, na Porta do Sol, e o Combo Dominicano, na Praza da Constitución.

Imaxe de portada: Ruada de 2024 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario