A Valedora do Pobo solicita información sobre un almacén de madeira na Estrada

A Valedora do Pobo solicita información sobre un almacén de madeira na Estrada

Os veciños dun edificio da Rúa Pozo do Barro (a antiga 2ª Travesía de Fernando Conde) denuncian que no baixo do edificio existe un almacén de madeira que, segundo comentan, incumpriría a lei.

O presidente da comunidade de veciños, Santiago Otero, comentou a este medio que o inicio do problema remóntase ao 2003 ou 2004 e que, en 2011, fixeron a primeira reclamación ante o Concello da Estrada. Esta non obtivo resposta.

En 2023 volveron reclamar e falaron con Gonzalo Louzao, naquel momento edil de Urbanismo. Otero comenta que Louzao redactou un texto dicindo que era ilegal, pero que non pasou nada máis.

Ante a falta de respostas e de medidas, decidiron acudir a un avogado para presentar un escrito no Concello e, pasados 2 ou 3 meses, aínda non recibiron resposta algunha. “Que significa? Porque non é normal que non contesten”, asegura Santiago Otero.

Debido a isto, optaron por informar á Valedora do Pobo desta situación e recibiron como resposta que van solicitar información sobre o caso. E é que o almacén podería non ter as medidas de seguridade que se requiren para ese uso, como poderían ser detectores de fume e de temperatura ou extintores, apunta Otero.

Ademais, engade, chegóuselle a plantexar ao propietario a opción de que a comunidade comprase o baixo, pero o prezo faríaselles “inviable”, tendo en conta que custaría “unha barbaridade” e que habería que acondicionalo para convertelo nun garaxe.

Imaxe de portada: Rúa Pozo do Barro // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario