As bestas xa están de volta nos seus montes e chegou o momento de valorar a edición da Rapa das Bestas, a primeira tras a declaración da festa como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial.
No departamento municipal de Cultura avaliaron a procedencia das compras de entradas. Ademais das procedentes de diversos puntos de España, no curro do sábado destacaron as das persoas chegadas de países como Francia, Irlanda, Estados Unidos, Colombia, México ou Portugal. No caso do curro do domingo tamén se achegaron cidadáns de Estados Unidos, Reino Unido, Portugal, Italia, Hong Kong, Alemaña, Francia, Bélxica, Alxeria ou Andorra e, no do último da edición, de Bélxica, Brasil, Cuba, Francia, Alemaña, Italia, México, Portugal, Reino Unido e Estados Unidos.
Cómpre sinalar que as entradas do sábado esgotáronse no cuarto día de venta e, as do domingo, no sexto.
Óscar Durán, concelleiro delegado da organización da Rapa das Bestas, asegurou que “a comuñón coa asociación é total”, en referencia a boa sintonía coa asociación presidida por Paulo Vicente.
Durán destacou a gran afluencia de público aos curros e aplaudiu o funcionamento do Plan de Emerxencia, destacando que permitiu dar unha resposta rápida e eficiente ás “pequenas incidencias” que se produciron, como puideron ser un pequeno incendio nunha caseta; un golpe no teleclub; contusións e mazaduras durante os curros; un golpe de calor experimentado por un espectador ou unha picadura de vespa.
“Ante todo se puido actuar con rapidez e, afortunadamente, con bos resultados”
Óscar Durán
Tamén quixo lembrar o ‘bautismo’ que a Asociación Rapa das Bestas lle fixo tanto ao alcalde, Gonzalo Louzao, coma a el despois do curro do domingo. Como é habitual, os aloitadores descansaban na costa do Teleclub de Sabucedo e rápidamente apareceron as mangueiras para refrescalos e elevar a celebración. Integrantes da asociación foron buscar aos políticos para facelos partícipes deste acto, algo que agradeceron pese a rematar empapados.
Imaxe de portada: público no curro // Xornal da Estrada


Deixar un comentario