Este luns o local social de Liripio acolleu unha charla informativa sobre o Parque Eólico Ventoburgo. Esta foi organizada polo Concello da Estrada e nela participaron o alcalde, Gonzalo Louzao, e Víctor, técnico de Tysgal, que informaron dos motivos polos que alegou o Concello.
En territorio estradense está previsto que se instalen tres aeroxeradores. A ubicación dos tres é a mesma que a dos que se ían colocar nos parques eólicos Pedralonga e Cabanelas e que non foron adiante. Que se negara a construción nese punto deses muíños fai que, segundo comentou Víctor, xa non se poidan instalar outros nese mesmo punto.
Engadiu que hai moitas afectacións mal analizadas – de feito o Concello presentou un informe de 70 páxinas contra o parque – e que varios concellos e a propia Xunta de Galicia tamén se mobilizaron. Desde o seu punto de vista, este proxecto “non vai ir máis para adiante”.
Seguindo cos argumentos, comentou que cumpre ao milímetro a normativa galega en relación á distancia á que se pode atopar un aeroxerador dun núcleo de poboación. Exemplificouno co caso do lugar de Cabanelas, que se atopará a 901 metros dun aeroxerador que non pode ter ningún núcleo de poboación a menos de 900 metros de distancia.

Isto cambiaría no caso de aplicarse a normativa estatal – o parque eólico tramitouse a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Nese caso as vivendas non poden estar a menos de dous quilómetros, polo que estarían dentro do diámetro Liripio, Sabucedo, gran parte de Codeseda e o lugar de Pumares, en Ribela. Ademais, no caso dos muíños que se tiña previsto instalar nas proximidades da Casa Grande de Xanceda, un dos argumentos que se empregou para non levalo a cabo foi que as vacas que están a menos de 2 quilómetros dun aeroxerador están máis nerviosas.
No proxecto presentado tampouco se incluíron as posibles afeccións á Rapa das Bestas – que agora é Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial, algo que xogará en contra do eólico -, ao Miradoiro Outeiro Grande, que conta cun gran valor paisaxístico; ou aos afloramentos rochosos do alto do monte, que se atopan protexidos pola Xunta de Galicia.
A empresa peticionaria tampouco fixo un informe arqueolóxico e non tivo en conta o Camiño da Geira e dos Arrieiros, un centro de cabalos e unha captación de auga que se situaría a 400 metros dun dos aeroxeradores. Asemade, na documentación do parque eólico non se fai referencia a que é unha zona de paso de moitas aves e que prexudicaría a varias especies catalogadas como vulnerables, como poden ser o aguilucho gris ou algúns morcegos.
A iso súmaselle que, das recomendacións da Lei de Paisaxe de Galicia, “non lle fai caso a ningunha”, polo que Paisaxe xa informou desfavorablemente.
En canto á presentación de alegacións, o prazo remata o 14 de xullo (inclusive) e, nesta fase, pode alegar calquera. Agora mesmo non hai que dicir cales son os erros cos que conta o proxecto, “hai que correxir o exame”. Ademais, pódese firmar distintos modelos de alegación e presentalos.
Imaxe de portada: charla en Liripio // Xornal da Estrada


Deixar un comentario