O vaso grande das piscinas da Estrada inauguraráse este venres

O vaso grande das piscinas da Estrada inauguraráse este venres

O acceso ás piscinas será gratuíto toda a tempada

Este venres entrará en funcionamento o vaso grande das piscinas municipais, despois da reforma á que foron sometidas. Á súa vez, o Concello anunciou que o acceso ao recinto será gratuíto ata o remate da tempada, o 15 de setembro. Esta medida xa se implementara no inicio da tempada, o pasado 1 de xullo, como medida temporal ata a apertura completa do espazo.

Este martes comezouse a encher o vaso grande e na tarde deste mércores a auga xa cubría todo o espazo, polo que se podería ter reaberto este xoves, aínda que desde o goberno local preferiron retrasar a inauguración ata o venres e alongar as primeiras horas dos ciclos de depuración.

“Queremos que os veciños desfruten dunha piscina máis segura, máis moderna e con acceso libre este verán”

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada

“As obras eran necesarias e quixemos que se executaran con garantías. Sabemos que a demora xerou expectativas e por iso queremos compensar esa espera cun xesto que alivie tamén os petos dos veciños”, asegurou Gonzalo Louzao en relación á gratuidade das piscinas. Engadiu que “o Concello fará un esforzo mentres as instalacións van collendo ritmo de normalidade”.

Tamén quixo agradecer “aos veciños a comprensión que nos demostraron”. “Calquera que teña afrontado unha obra, mesmo no plano doméstico, pode comprender o sucedido”, sinalou o mandatario.

Aproveitou a ocasión para afear a “pouca altura” das críticas que fixo o PSOE a través das redes sociais, “agochadas entre as constantes faltas de respecto e de educación”.

Publicación do PSOE á que se refire Louzao

As obras retrasáronse debido a que se atopou que o fondo da anterior piscina estaba construído sobre unha lousa de formigón flotante, froito da remodelación na década dos 90, que non quedara ancorada aos muros laterais. Debido a iso, o goberno municipal seguiu o consello dos técnicos e apostou por reducir o tamaño do vaso á metade, podendo ser homologable para a realización de competicións.

Explicación da lousa atopada // Concello da Estrada

Iso último non era unha cuestión menor, pois era unha petición do clube de natación e, no caso de ter reducido lixeiramente o tamaño, non se podería homologar.

Deste xeito, agora conta cun vaso de compensación que vai beneficiar o funcionamento xeral da piscina e, asemade, vaille conferir unha maior seguridade.

De cara ao próximo verán, a previsión do goberno que preside Gonzalo Louzao é instalar unha área de recreo acuático na que os rapaces poidan gozar xogando coa auga. Isto faríase a través de elementos coma chorros ou caldeiros que volteen accionando un mecanismo.

Zona verde

As obras deixaron pegada na zona verde que rodeaba a piscina de maior tamaño. Os técnicos valoraron a opción de colocar herba natural en tepes, pero requeriríanse certos coidados nas xornadas posteriores á súa colocación que non se poderían garantir cun uso intensivo do espazo, polo que se apostou por unha variante sintética para o que resta de tempada. Ao pecharse o recinto ao público, sementaráse herba natural.

Imaxe de portada: a piscina grande enchéndose // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “O vaso grande das piscinas da Estrada inauguraráse este venres”

  1. Avatar de López Bueno valora como “desastrosa” a xestión da apertura das piscinas municipais – Xornal da Estrada

    […] Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, valorou como “desastrosa” a xestión do goberno municial en relación á apertura do “flamante vaso grande” das piscinas municipais que, finalmente, faráse este venres. […]

    Gústame

Deixar un comentario