Reices reclama recoller os restos das rozas para evitar que se desborden as cunetas

Reices reclama recoller os restos das rozas para evitar que se desborden as cunetas

Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, valorou a campaña de rozaduras no rural. Puxo en dúbida o éxito que Gonzalo Louzao asegurou que teñen e pediu que se melloren recollendo os restos.

En relación ao posible éxito, o voceiro dos nacionalistas asegurou que “unha cousa é a propaganda que se fai desde a alcaldía e outra a realidade, e a realidade é que a maioría dos viais non recibiron máis que unha rozadura no último ano”. “Non sabemos se os viais da parroquia de Cereixo, na que vive o alcalde, ou nas que viven os concelleiros e concelleiras do PP tiveron máis sorte, mais no resto podemos confirmar que só pasaron unha vez”, engadiu.

Aínda así, decidiu conceder “por esta vez o beneficio da dúbida” porque agarda que a dobre volta “sexa unha realidade, non só propaganda”.

Pola contra, si que puxo o aceno nos restos das rozaduras que, explica, “non se pode seguir ano tras ano” amoreándoos “nas cunetas”, pois facelo conleva “que a drenaxe das augas pluviais atopan moitas dificultades para seguir o seu curso, o que implica que auga desborde as cunetas, estragando o asfalto dos viais”.

“Rozar as cunetas é moi importante, mais tamén o é que as cunetas estean limpas”

Xoán Reices, voceiro do BNG

Asemade, incidiu na necesidade de limpar as cunetas. Comentou que hai moitas que non se limpan desde hai varias “décadas”. “Facelo, ademais de facilitar a drenaxe, resolvería temporalmente o problema dos restos da rozaduras”, engadiu.

Imaxe de portada: cuneta con restos das rozaduras // BNG

Comentarios

Deixar un comentario