Retrásase a apertura do vaso grande das piscinas municipais

Retrásase a apertura do vaso grande das piscinas municipais

Sobre as 16.20 horas deste venres o Concello da Estrada anunciou que se retrasa a reapertura do vaso grande das piscinas municipais debido a “un imprevisto técnico”.

Desde a institución aluden a que “durante os controis previos de calidade da auga polos tratamentos sanitarios aos que están sometidas as instalacions, detectáronse valores que aínda non son os adecuados para garantir un baño seguro”, polo que “considerouse máis oportuno non abrir hoxe [por este venres] as instalacións do vaso grande”.

Ademais, informaron de que os equipos técnicos están traballando para “axustar o sistema e abrir cumprindo todas as garantías”. Aínda así, indican, o resto das piscinas, como xa viña acontecendo desde o 1 de xullo, si que estarán dispoñibles para o baño.

Lembremos que a reapertura estaba prevista para este venres, despois de que se producira unha demora nas obras por mor do achado dunha lousa de formigón flotante que se colocara na década dos 90 e que era a responsable dos problemas de filtracións de auga.

Imaxe de portada: a piscina enchéndose // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario