Gueifas, en Agar, eríxese como exemplo de ordenación voluntaria do territorio

Gueifas, en Agar, eríxese como exemplo de ordenación voluntaria do territorio

Este luns a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Paz Rodríguez, visitou a parroquia de Agar para parabenizar aos veciños que converteron Gueifas nun exemplo de mobilización da terra a través de permutas de especial interese agrario. “O que temos aquí é un exemplo claro de como teñen que funcionar as cousas en Galicia para que medre”, asegurou en referencia a este modelo de loita contra o minifundismo.

Neste lugar, os veciños realizaron permutas, conseguindo nun ano pasar de 30 fincas en 9 hectáreas de terreo a tan só 14 fincas no mesmo espazo.

“Vós, sen ruído, fixestes isto e nós, dende a Consellería, publicamos hoxe unha orde de axudas para toda a xente que queira facer este tipo de traballos, que poida financiar proxectos como os vosos”

Paz Rodríguez, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Rodríguez explicou que estas achegas, publicadas este luns no DOG, teñen un orzamento de 100.000 euros para os anos 2025 e 2026 e que, como máximo subvencionaránse 15.000 euros para gastos de asesoramento técnico e xurídico, traballos técnicos e de acondicionamento do terreo e de 3.000 euros para os gastos notariais, rexistrais e de inscrición necesarios. O prazo para presentar a solicitude remata o 31 de outubro de 2026 e as axudas entregaránse en réxime de concorrencia non competitiva.

Gonzalo Louzao e Paz Rodríguez // Concello da Estrada

Pola súa banda, o alcalde Gonzalo Louzao, tamén presente na visita, sinalou que “somos un concello con moito solo e que estea xestionado lonxe do minifundismo é un avance para a sociedade en xeral”. Indicou que “a solución para que o rural non morra é que lle busquemos un futuro” e que ese futuro pasaría pola xestión. Amais, apuntou que as permutas realizadas en Gueifas permiten que as explotacións teñan unha maior superficie continua.

“Con este sistema de permutas voluntarias fixestes un exemplo para toda Galicia. Concentrastes as vosas parcelas, distribuístes o voso solo e construístes un exemplo de boa ordenación e boa coordinación, pasando de nove hectáreas disgregadas a nove hectáreas ordenadas”

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada

“Xa temos deberes”, apuntou Louzao, pois “ten que haber plantacións” para outorgarlle un futuro a esta superficie. Avanzou que a intención dos veciños é plantar en conxunto nese terreo.

Imaxe de portada: veciños visualizando o plano do terreo permutado // Concello da Estrada

Comentarios

One response to “Gueifas, en Agar, eríxese como exemplo de ordenación voluntaria do territorio”

  1. Avatar de Cabanelas, en Liripio, intentará replicar a permuta de parcelas de Gueifas – Xornal da Estrada

    […] finais de xullo o lugar de Gueifas, en Agar, convertíase nun exemplo a nivel galego polo sistema de permutas voluntarias que permitiu reordenar 9 hectáreas de terreo, pasando de 30 a 14 parcelas. Ese exemplo é o que […]

    Gústame

Deixar un comentario