Os veciños de Souto, Sabucedo e Codeseda foron citados para participaren nunha reunión no Teleclub de Sabucedo sobre os parques eólicos Alamoceiros, Xubrintas e Chamarrapio, que afectarán ás parroquias. A reunión celebraráse o vindeiro xoves 24 ás 17.00 horas.
Nela estarán presentes un técnico de Tysgal, a empresa encargada de realizar os informes para o Concello da Estrada e de elaborar un modelo de alegacións para que o poida asinar calquera persoa, e o alcalde estradense, Gonzalo Louzao.
Ademais dos aeroxeradores que se instalarán nas parroquias de Codeseda e Souto — tal e como detallamos nestoutra noticia –, hai que sumarlle as infraestruturas asociadas, é dicir, as subestacións, torres meteorolóxicas, liñas de media e alta tensión, vías e gabias.
Todos estes elementos estarán nos montes que habitan os cabalos que cada ano vemos na Rapa das Bestas, que vén de ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial, e a escasos metros de puntos relevantes nesta tradición, como poden ser os peches do Peón e do Castelo.
Imaxe de portada: mapa coas zonas afectadas // Concello da Estrada


Deixar un comentario