O PSOE propón retomar o turno de noite da Policía Local nas xornadas con máis actos vandálicos

O PSOE propón retomar o turno de noite da Policía Local nas xornadas con máis actos vandálicos

O PSOE da Estrada presentou unha moción en relación á seguridade cidadá. Desde o partido indican que recibiron queixas por parte de veciños do casco urbano e do rural pola falta de vixilancia nocturna e que, sendo conscientes “da carestía de axentes no cadro de persoal da Policía Local e as dificultades para cadrar os turnos e as horas”, “é o momento de buscar unha solución definitiva que permita regresar á cobertura de todos os turnos, como acontece noutros Concellos galegos”.

Culpan ao PP da retirada do turno de noite, pois “non tomou ningunha medida para darlle resposta ás peticións dos veciños e veciños nin co anterior equipo de goberno nin con este”.

A esta situación, comentan, súmaselle a falta de axentes na Garda Civil e o amplo territorio que a benemérita ten que cubrir no turno nocturno. Isto provocou, segundo os socialistas “o incremento da taxa de criminalidade”, algo que terían verificado a través do persoal da Forzas de Seguridade do Estado e coa serie de datos de criminalidade 2021-2025, que ten unha tendencia ascendente e que “neste momento conta cunha taxa de criminalidade un 40% superior á media nacional”.

Por iso, desde o Grupo Municipal Socialista propoñen reunir a mesa de Seguridade do Concello da Estrada, elaborar unha planificación de persoal no Servizo de Policía Local para “analizar a situación actual do Cadro de Persoal, sinalar os fitos que se darán nos vindeiros anos e establecer unha folla de ruta que permita incrementar o número de axentes”; recuperar a vixilancia nocturna os venres, sábados e vésperas de festivos, “momentos nos que se dan episodios de vandalismo”; e incluír no Plan ETI a colocación de cámaras de videovixilancia no casco urbano, “como medida disuasoria da delincuencia”.

Imaxe de portada: Policía Local da Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario