A unidade móbil expide máis de 300 carnés no seu primeiro trimestre

A unidade móbil expide máis de 300 carnés no seu primeiro trimestre

Pasado o primeiro trimestre desde a estrea na Estrada da unidade móbil da Policía Nacional para a tramitación do Documento Nacional de Identidade (DNI) e do pasaporte, chega o momento de facer balance.

Nestes tres meses máis de 300 persoas solicitaron facer uso deste servizo e iso é algo que se está a notar á hora de pedir cita, pois ata setembro non hai dispoñibilidade delas. Para o mércores 10, o primeiro día con ocos dispoñibles, quedan 11 das 30 quendas ofertadas. Ese mesmo mes, a unidade móbil tamén se desprazará ata o concello o mércores 24.

Esta novidade permitiu reducir tempos, pois actualmente o servizo trasládase ata A Estrada dúas ou tres veces ao mes e permite obter o DNI en 10 minutos, cando antigamente se trasladaba catro veces, dúas para a realización dos trámites e outras dúas para efectuar a recollida.

“Foi un avance moi grande, que aporta rapidez e proximidade nun trámite obrigatorio e necesario para os cidadáns”, sinalou o alcade da Estrada, Gonzalo Louzao, tras ser informado polo xefe da Policía Local, Javier García. Durante a conversa tamén sinalaron que a demanda deste servizo viuse sensiblemente incrementada neste último trimestre.

Ademais, tamén renovaron a súa documentación veciños de Forcarei, Cuntis ou Silleda, que escolleron achegarse ata A Estrada a ter que desprazarse a outras localidades máis afastadas.

Para obter unha cita na unidade móbil, os interesados teñen que poñerse en contacto coa Policía Local, ben de xeito presencial na súa oficina de 9.00 a 14.00 horas ou ben a través do teléfono chamando ao 986 570 898. Durante a petición de cita solicitaránse o nome, teléfono e número de DNI. Actualmente o tempo de agarda sitúase no mes e medio.

Imaxe de portada: unidade móbil da Policía Nacional na Praza da Constitución // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario