O vindeiro xoves 31 o concello de Forcarei vivirá un momento histórico: unha moción de censura poñerá final ao goberno da socialista Verónica Pichel tras media lexislatura intensa no político.
Aos poucos meses de comezar o segundo mandato de Pichel — é alcaldesa desde 2019 –, Rafael Fiestras, un edil da súa formación, saía do Grupo Socialista, pasando a ser non adscrito. A isto sumóuselle que o único concelleiro do BNG, Roberto Jorge Correa, decidiu saír do goberno hai unhas semanas dado que consideraba que tiña que facer oposición dentro do goberno.
Tras isto, Belén Cachafeiro, concelleira do PP, presentou unha moción de censura, que conta co apoio do edil non adscrito, polo que previsiblemente saia adiante. De feito, o grupo popular avanzou que Fiestras formará parte do novo goberno.
Neste senso, a conta en Facebook do Concello de Forcarei publicou este mércores un vídeo de Verónica Pichel, no que aparece rotulada como “alcaldesa lexítima”, no que a socialista critica a moción de censura por contar co apoio do tránsfuga cando o PP asinou un pacto antitransfuguismo.
De feito, pregúntase que pensa Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, sobre o acordo que a pasará á oposición e “que ou canto lle ofreceu ao concelleiro tránsfuga para que accedese” a apoiar a moción. Engade que “non pode ser que se vaia en contra dos votos dos veciños e veciñas do concello de Forcarei”, algo que considera “indecente” e “ilexítimo”.
Calificou de “inmoral” o feito de ter asinado o pacto antitransfuguismo e que, agora, o futuro goberno de Forcarei vaia contar cun exedil do PSdeG, polo que denunciaron isto na comisióna ntitransfuguismo.
“Tamén hai que preguntarlle a Belén Cachafeiro se ten medo de presentarse ás eleccións de 2027”, asegurou Pichel. “Non se dá conta de que está empregando os votos do Partido Socialista para chegar ao goberno?”, preguntou.
Mostrouse convencida de que o PP volverá a ser parte da oposición no 2027, “que é onde ten que estar lexítimamente” e agradeceu aos veciños a confianza depositada nela.
Cómpre lembrar que durante o seu goberno, Pichel tivo numerosas polémicas en relación ás axudas ás asociacións que, en moitos casos, levan varios anos sen ser pagadas.
Imaxe de portada: captura de pantalla do vídeo publicado nas redes sociais do Concello de Forcarei


Deixar un comentario