Gonzalo Louzao Dono, PP da Estrada
O mes de xullo encara a súa recta final. Aproximámonos ao ecuador do verán e os estradenses aínda temos no padal o bo sabor que nos deixou o que, para moitos de nós, marca o arranque desta estación: a celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo, a nosa festa máis senlleira, a nosa tradición máis internacional. Este ano o pouso ten notas máis doces, máis maduras e tamén máis prometedoras. É o gusto que deixa a declaración, por parte da Xunta de Galicia, desta tradición como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial. Ou será o celme da recompensa polo esforzo dos anos? Se cadra tamén.
O que vivimos este ano en Sabucedo foi unha Rapa para a historia. A festa escribiu un capítulo moi importante nas súas crónicas seculares. A musa chegoulle xusto no arranque deses días que están marcados en vermello no almanaque, para esta parroquia en particular en para A Estrada en xeral, como o clímax dun ano enteiro de custodia. E a inspiración regalounos unha “baixa” e tres curros que acrecentan a lenda.
Que a Rapa das Bestas de Sabucedo sexa BIC ten que converterse nun sinónimo perfecto de “preservación” e “protección”. Este recoñecemento ten que ser salvoconduto para que esta festa chegue ás xeracións futuras tal e como nola transmitiron os nosos devanceiros. O BIC ten que converterse nunha caste de escudo para as bestas, para a tradición en si e para toda esa contorna de montes na que os Fillos do Vento teñen a súa morada libertaria.
Para fabricar un escudo con garantías de funcionalidade e resistencia no combate é necesario combinar materiais específicos que o fagan robusto e fiable. É preciso estar ben preparados para os desafíos que o paso do tempo teña programados. Así que este BIC esixe da alianza de todos os que podamos ofrecer algún tipo de protección para a Rapa. É obrigado que as diferentes administracións brindemos ese reforzo metálico para que o noso escudo soporte cada golpe, uníndonos ao traballo de resiliencia que tantas veces ten demostrado a Asociación Rapa das Bestas e ao valor co que os aloitadores de Sabucedo pisan a area para perpetuar a tradición.
As frontes abertas non son poucas. Sabémolo todos. Se a propia Rapa é unha protección para as mandas do Santo, tamén o é asegurar que haxa comida nos montes para estes animais e que a súa supervivencia e o seu hábitat non se vexan ameazados. Da unión temos que sacar a forza, é evidente.
Este ano tiven ‘bautismo’ en Sabucedo. Non o agardaba, pero teño que dicir que me sentou de marabilla. A golpe de mangueira, sentín como os meus veciños de Sabucedo me chamaban a filas, me consideraban un máis para plantar batalla pola Rapa das Bestas. Non só como un alcalde. Foi un chamamento de igual a igual. Un orgullo para min e un xesto que agradezo profundamente.
Agora que temos escudo, toca portalo con forza e colocalo con astucia para que a súa protección teña efectos. O Concello da Estrada avanzou xa posicións ante os novos proxectos eólicos de tramitación estatal aos que se lles presume un impacto en lugares estratéxicos para a Rapa das Bestas e neste paso atopará, de seguro, aos veciños ao seu carón.
Pero non sempre teñen que soar tambores de guerra. Tamén dende os tempos de paz se planta batalla para as boas causas. É o caso do albergue turístico de Sabucedo. O goberno ten o firme propósito de que sexa a asociación Rapa das Bestas a que o xestione. Ninguén mellor para tirar del todo o proveito. Pero non queremos que sexa esta unha herdanza envelenada. As instalacións repararanse para facer delas un lugar axeitado, un recurso efectivo para desestacionalizar a demanda turística na nosa parroquia máis internacional. É este o mesmo propósito que segue a plataforma turística virtual que promove a Deputación de Pontevedra, que tamén mellorará a Carballeira do Campo do Medio.
É así, todos a unha, como podemos facer forza para que a Rapa das Bestas siga saíndo vitoriosa. É así como da lenda seguiremos facendo historia.



Deixar un comentario