Esta semana comezará a mellora de zonas axardinadas da Estrada

Esta semana comezará a mellora de zonas axardinadas da Estrada

En setembro instalaráse un photocall na alameda

Esta semana a empresa Ecogarden Galicia porá en marcha o plan de mellora de zonas axardinadas da Estrada, actuando en sete delas. Estes traballos terán unha duración de dous meses, comezando pola Praza da Feira, e contarán cun orzamento de 128.846 euros (IVE incluído). Amais, o goberno municipal xa está traballando na licitación dun plan anual de mantemento.

Óscar Durán, edil delegado de Servizos Municipais, explicou que xa estaba previsto comezar pola Praza da Feira. Recoñeceu o mal estado no que se atopan as zonas verdes deste espazo e defendeu a decisión de non ter actuado antes porque a empresa adxudicataria levantará agora toda a planta existente.

Estes espazos serán completamente saneados, colocaránse novos sistemas de rego, malla que impida que medren as malas herbas e reporánse as plantas.

O plan afectará a sete zonas do casco urbano: a alameda municipal, parque de Figueiroa, Praza da Feira, zona axardinada da Baiuca (diante do heliporto a carón do centro de saúde), illote de Toedo (próximo á estación de servizo existente), rotonda de entronque da Avenida de Santiago coa Rúa da Cultura e toda a mediana axardinada desta última.

Na alaenda instalaráse unha sorte de photocall nun montículo de céspede que linda coa avenida Benito Vigo. Formaráno letras dun metro de altura que se iluminarán con LED RGB e que comporán o nome da Estrada. Esta previsiblemente será a última actuación, realizándose no mes de setembro.

Na zona da Baiuca, entre o heliporto, o parque canino e a N-640, vaise acondicionar o terreo e crearáse un xardín con árbores e plantas ornamentais. En Toedo, nun illote ao pé da PO-841, plantaránse diferentes especies previo acondicionamento do terreo.

Na rotonda da Avenida de Santiago e da rúa da Cultura vaise plantar un cento de plantas arbustivas (lavanda, salvia e similares) e instalaráse o rego automático, mentres que na mediana da rúa da Cultura plantaránse diferentes plantas entre as estatuas.

Na Feira substituiránse as plantas dos parterres e salpicaránse con cáscara de piñeiro para evitar que medren malas herbas. Por último, no Parque de Figueiroa eliminaránse as ramas baixas, coa posibilidade de talar árbores en mal estado, e eliminaránse os arbustos e a Callystemun do acceso para substituílos por especies arbustibas.

A empresa que executará estes traballos ofertou no proceso de licitación a reposición das plantas de tempada na zona peonil.

Por outra banda, a Secretaría municipal xa se atopa traballando nos pregos para licitar o novo servizo anual de mantemento de zonas verdes, por un importe de 43.144 euros. Nel incluiranse podas, rozas e todo tipo de mantementos de xardinería, dende o control dos sistemas de rega ata os recortes de setos ou escarificacións.

Con ese servizo actuaráse sobre espazos como a Praza da Inmaculada, Praza do Mercado, Avenida de América, Irmáns Valladares, San Antón, Praza da Feira, Justo Martínez, Rúa Ulla, Calvo Sotelo, Serafín Pazo ou Avenida da Cultura, entre outras. 

Imaxe de portada: Praza da Feira // Arquivo / Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario