Dende o mes de abril, o BNG leva denunciando que o lixo estáse a acumular nas marxes do punto limpo e do matadoiro municipal. A isto, engaden desde a formación nacionalista, sumaríaselle “a imaxe de abandono xeral que transmite o espazo, agravada pola proximidade do antigo matadoiro municipal, unha infraestrutura pechada e en estado ruinoso, que non fixo máis que empeorar a percepción pública dun entorno desatendido e descoidado”.
“O punto limpo, lonxe de ser un espazo útil ao servizo da cidadanía para garantir unha correcta reciclaxe e eliminación de residuos, converteuse nun símbolo do desleixo do actual Goberno municipal”, comentan. De feito, “a situación é tan extrema que, segundo fontes públicas, a Garda Civil tivo que intervir debido ás irregularidades existentes”.
“Estamos ante un problema de xestión, si, pero tamén ante un problema de saúde pública, de responsabilidade institucional e de calidade democrática. A veciñanza está a cumprir e a agardar durante horas para acceder ao punto limpo, mentres o goberno local permanece impasíbel, sen asumir a gravidade do problema nin adoptar decisións eficaces”
BNG da Estrada
Por iso, desde o BNG presentaron unha moción de urxencia que defenderán no próximo pleno. Nela piden “declarar a situación do punto limpo municipal como prioridade de intervención urxente, adoptando de inmediato medidas de limpeza, reorganización e vixilancia da zona”, esixir ” responsabilidades políticas pola deixación de funcións que levou ao colapso do servizo e á súa degradación ambiental”, encargar un informe técnico “sobre o estado actual do punto limpo e da contorna do antigo matadoiro” para decidir que medidas tomar no curto prazo, “abrir unha liña de diálogo coa veciñanza e cos colectivos ambientais locais, co fin de buscar solucións participadas, viables e sostibles” e que se informe ao pleno nun prazo máximo de 30 días das medidas adoptadas.
Imaxe de portada: lixo nas proximidades do punto limpo // BNG


Deixar un comentario