Belén Cachafeiro regresa á alcaldía de Forcarei coa promesa de abrir “unha nova etapa”

Belén Cachafeiro regresa á alcaldía de Forcarei coa promesa de abrir “unha nova etapa”

▶️ Comprométese a escoitar a “absolutamente todos os veciños”. ▶️ PSOE e BNG abandonaron o pleno antes do discurso da nova alcaldesa. ▶️ A comisión de festas de Meavía critica que Pichel non limpou a parroquia antes das festas.

Este 31 de xullo de 2025 quedará rexistrado na historia de Forcarei como o día no que Belén Cachafeiro (PP) converteuse na alcaldesa do concello tras prosperar a moción de censura que presentou contra Verónica Pichel (PSOE). Deste xeito, Cachafeiro regresa ao cargo que ocupou desde o 2012 ata o 2019.

Un salón de plenos abarrotado e dividido en dous bandos acolleu esta xornada histórica. Por unha banda estaban os que apoiaban á nova alcaldesa e, pola outra, os que simpatizan coa que saía do cargo e que critican que o PP se apoiase nun tránsfuga para recuperar o posto.

Este pleno extraordinario presidiuno o popular Ricardo Villaverde, a persoa de maior idade sen ter en conta á candidata á alcaldía, e Alejo Vidal exerceu de secretario, por ser o máis novo.

Foi este último o encargado de defender a moción contra a socialista, acusándoa de deixar a Forcarei “seis anos sen presupostos” – de feito, Verónica Pichel sempre gobernou co último orzamento aprobado por Belén Cachafeiro. Segundo o popular, isto conleva “diversos problemas” como poden ser as demoras nos pagos a proveedores e o recurso “ano tras ano” aos recoñecementos extraxudiciais de créditos, que “poden levar á nulidade”.

Vidal tamén criticou o “permanente desprezo da alcaldesa pola orde legal”, pois non se convocaban os plenos ordinarios e extraordinarios “coa periodicidade pactada” e pola “negativa sistemática ao acceso á documentación” por parte da oposición.

Ás verbas de Vidal seguíronas as da alcaldesa saínte. Verónica Pichel criticou o movemento do PP para recuperar a alcaldía cun movemento que avalou este mes o Tribunal Constitucional. “Pero as regras do xogo son así e non nos queda máis que aceptalas”, comentou.

Ademais, desexoulle “moito éxito” a Cachafeiro no que resta de mandato “polo ben de Forcarei”. Avanzou que os socialistas apoiarán as mocións que “sexan boas” para o concello e mostrou a súa confianza en que “dentro de dous anos” volverá ter o bastón de mando, conseguíndoas nas urnas.

Alejo Vidal, do Partido Popular, respondeulle que “polo ben de Forcarei estaría ben que aprobara uns presupostos”.

Roberto Jorge Correo, único concelleiro do BNG en Forcarei, mostrouse moi crítico co goberno que abandonou días antes de ser presentada a moción de censura. Expresou o seu malestar porque “custou 40 anos” sacar ao PP do goberno municipal e “este PSOE” provincial “encargouse de dilapidalo”.

“Foron os incumprimentos do PSOE os que nos levan ata aquí”, insistiu á vez que lamentaba que o PP “retorce todo o que pode” a lexislación para chegar ao poder. En relación á sentencia do Constitucional, aceptouna pero mostrou o seu desacoro porque “prima o individual por encima do colectivo”.

Pola súa banda, Rafael Fiestras, o exconcelleiro do PSOE que facilitou a moción de censura e que formará parte do novo goberno, asegurou seguir “tendo claro” o que quere facer na política local: “Traballar por e para Forcarei”.

Tamén se dirixiu á alcaldesa saínte para dicirlle que, “polas miñas ideas, hoxe voto a moción de censura contra ti, Verónica Pichel”.

Tras isto, a moción saía adiante cos cinco votos do PP e co do edil non adscrito a favor e cos catro do PSOE e co do BNG en contra. A continuación, os concelleiros do PSOE e o do BNG saían do salón de plenos acompañados polos veciños e membros do partido que os apoiaban.

No seu discurso como alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro prometeu comezar “unha nova etapa” no Concello de Forcarei tras os seis anos de goberno do PSOE co apoio do BNG nos que “non se atendeu nin aos veciños nin ao territorio como se merecía”.

Cachafeiro asegurou que hai “demasiadas cousas que non funcionan” no Consistorio como consecuencia da “falta de xestión” de Pichel. Comentou que as 13 parroquias do concello están “prácticamente abandonadas”, que “hai moitos gastos pendentes” e que a vivenda é “a principal necesidade e preocupación” dos veciños.

Avanzou que o seu goberno será un “goberno con maiúsculas”, que actuará “con unidade, lealdade e rigor”, sen depender de “caprichos e partidos que perden as eleccións” e só se limitan a agardar “que non goberne o PP”.

Tamén quixo agradecer a presenza dun amplo número de representantes do PP, entre os que se atopaban Paula Prado, secretaria xeral do partido en Galicia, e Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada.

“Sei que cometín erros e agardo non volver a cometelos”, asegurou antes de dicirlle aos veciños que “todos, absolutamente todos, serán escoitados”.

Mentras, no exterior do consistorio, os veciños que saíran do salón de plenos despediron a Verónica Pichel cun longo aplauso e entregándolle un ramo de flores. Alí tamén estivo outro dos estradenses que se achegou ata o concello para esta xornada, Luis López Bueno, voceiro do PSOE na Estrada.

A comisión de festas de Meavía tamén despide a Pichel… con críticas

A comisión de festas de Meavía tamén se manifestou sobre a moción de censura. Nunha publicación en Facebook dirixíronse a Pichel para dicirlle que “marchas como chegaches, sen facer nada”.

En relación á Festa da Convivencia que celebrarán este sábado, aseguraron que “pedimos por escrito fai un mes a limpeza da zona da nosa festa, reunímonos persoalmente contigo e dixéchesnos que se ía limpar” pero que, a un día da festa, “temos todo que dá vergoña”. Avanzaron que desde “a comisión traballaremos todo o posible para que en 48 horas estea todo preparado”.

Imaxe de portada: Verónica Pichel co bastón de mando // PPdeG

Comentarios

Deixar un comentario