“Intentamos romper un pouco a cultura do bar, de consumo de alcohol”

O 20 de xuño abría na Avenida de Ponteareas Yu Lugar de Encuentro, un novo establecemento hostaleiro que non se plantexa quedar reducido a iso. Nunha conversa co Xornal da Estrada, Yuri e Yumara, as propietarias, comentaron que estiveron traballando nel durante un ano e medio e que “houbo varias versións”.

Aínda que lles ofreceran o espazo, o medo ante a falta de experiencia no sector – ambas son terapeutas ocupacionais – e a unha competencia asentada, retrasaron a decisión. Yumara comentou que “chegamos hai 3 anos á Estrada” desde Venezuela e que recibiron o apoio de varios negocios estradenses. As ocupacións que elas tiñan – como a marca de artesanía Yuri Arte – non lles daban as ganancias necesarias e, tras coñecer as necesidades, pois “a intención non era competir, senón complementar”, naceu o Lugar de Encuentro.

“Intentamos romper un pouco a cultura do bar, de consumo de alcohol, polo menos entre os adolescentes”, dixo Yumara e avanzou que a partires deste mes celebrarán diferentes actividades, tras un primeiro tanteo.

“Isto foi unha aprendizaxe”

Yuri

“Si, desde buscar emprender algo, que se axustara ao que nós necesitabamos e o que viamos que eran as necesidades da Estrada”

Yumara

O nome vén de que están chegando persoas de moitos lugares diferentes á Estrada, sendo este municipio un ‘punto de encuentro’, e porque é un espazo “no que queremos fusionar moitos intereses, moitas cousas e coexistir todos”. Yumara quería facer un centro de meditación e, Yuri, un taller artesanal e remataron creando unha cafetería.

“Para os pequenos pensamos facer actividades creativas relacionadas coas artes manuais. Tamén algo de expresión corporal, contacontos bilingües”, avanzou Yumara. Ademais, buscan “crear espazos para novos emprendedores” e para os adolescentes.

“Ofrecéronnos traer un campionato dun xogo famoso. Eu aínda non lle sei o nome, pero eles [varios rapaces que van ao establecemento] estáno coordinando e nós, entón, dariamos toda a parte de produción da actividade”

Yumara

A fotografía recreativa tamén pode ter un oco, en función do resultado das conversas que están mantendo cun fotógrafo. A lectura terá o seu espazo mediante o sistema “colle un, deixa un” e a lectura no propio local. Cada persoas interesada en participar – tanto rapaces coma adultos – farán o seu marcapáxinas e, deste xeito, varias persoas poderían ler o mesmo libro á vez. “E se dúas persoas queren ler [o mesmo libro ao mesmo tempo]? Teñen dúas alternativas: ou len en voz alta ou túrnanse ou comentan o libro e comparten”.

Asemade, queren que sexa un espazo no que poidan coincidir persoas coas mesmas afeccións e, incluso, fusionar hobbies, como poden ser o sendeirismo e a fotografía recreativa.

Preguntada pola decisión de emprender na Estrada, Yumara comentou que “A Estrada é un lugar no que crear familia” pero no que “hai poucas alternativas laborais”. Foi a procura dun espazo alternativo que non existía na Estrada o que as levou a crear dito establecemento.

“En lugar de movernos a Santiago, trátase de crear algo aquí que tamén sexa atractivo para persoas da cidade que queiran despexarse da axitación cotiá”

Yumara

“A vida da cidade faina o cidadán, o que habita alí. Entón, se seguimos apostando a que iso non o consumimos aquí ou ninguén quere iso pero igual se mobilizan ás cidades cercanas… Eu sempre vin á Estrada como un punto estratéxico, ou sexa, ten a tranquilidade dun pobo pero ten o acceso a dúas grandes cidades, […] onde, se se van creando este tipo de alternativas, máis ben imos ser un pouco máis atractivos para que ata os peregrinos nalgún momento consideren visitar A Estrada”, reflexionou Yumara.

Un dos retos que se atoparon á hora de abrir é que “non calificabamos para os créditos bancarios” nin para as axudas das administracións, polo que a financiación chegou da man “da familia e amigos, son préstamos persoais”, polo que “estamos tan comprometidas coma se fose un banco. Ou eu creo que máis, porque se arrisca moito máis”.

En Yu Lugar de Encuentro apostan polos produtos de proximidade para “colaborar coa receptividade que recibimos, ese apoio. Entón, que mellor maneira que estimulando o que é a economía circular?”.

“Como puxen nunha publicación, creo que estamos aprendendo dos mellores, que son os clientes”

Yumara

Comentarios

Unha resposta a ““Intentamos romper un pouco a cultura do bar, de consumo de alcohol””

  1. Avatar de Yu estrea un espazo de improvisación – Xornal da Estrada

    […] Yu Lugar de Encuentro, establecemento hostaleiro sito na Avenida de Ponteareas, inaugura este mércores a súa Sala de Usos Múltiples para destinala “á creatividade e á improvisación”. Deste xeito, de luns a sábado, en horario de 18.30 a 21.00 horas os clientes poderán sacar o máximo rendemento aos seus talentos e instrumentos. Esta é unha das primeiras iniciativas que realizan no seu propósito de “romper coa cultura do bar de consumo de alcohol”. […]

    Gústame

Deixar un comentario