Abre o prazo para solicitar as axudas municipais para o material escolar e o comedor

Este martes publicáronse no BOPPO as bases da convocatoria para a concesión de axudas municipais para o material escolar e para o servizo de comedor. Estas axudas están destinadas a familias en situación de dificultades socieconómicas e forman parte das Axudas de Emerxencia Social.

Con estas axudas búscase garantir que todos os estudantes empadroados no concello da Estrada teñan unhas condicións de igualdade no acceso ao ensino público e os seus servizos independentemente da súa situación económica e/ou social. Deste xeito, promóvese a conciliación da vida familiar, evítanse situacións de risco, asegúrase unha nutrición axeitada e facilítase o rendemento escolar.

As axudas para o material escolar están dirixidas ao alumnado matriculado no segundo ciclo de Educación Infantil e destinaránse á adquisición de libros e material escolar. Por cada alumno ou alumna poderáse percibir un máximo de 100 euros.

No caso das axudas para o servizo de comedor, están destinadas ao alumnado do segundo ciclo de Infantil e ao de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria. Subvencionaráse entre o 30 e o 100% do gasto de comedor en función da situación da unidade familiar.

As solicitudes poden presentarse entre o 6 de agosto (este mércores) e o mércores 3 de setembro (ambos inclusive) a través da Sede Electrónica do Concello da Estrada ou a través do Rexistro de Entrada do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Comentarios

Deixar un comentario