Quedan dúas prazas para completar a lista
Este martes publicouse na web do Concello a lista provisional de admitidos nos Campamentos do Mar. Aínda quedan dúas prazas que se poden cubrir ata o 18 deste mes, dara límite para enviar os listados definitivos á Xunta de Galicia.
As prazas están reservadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos. Este ano o campamento celebraráse no Campamento Xuvenil A Devesa, en Ribadeo (Lugo), do 26 de agosto ao 4 de setembro.
Para os participantes que están censados no Concello da Estrada, a administración local subvenciona directamente o 50% do custe xeral da praza, de xeito que os campistas estradenses pagarán 120 euros no canto dos 240 que terán que pagar os asistentes que non estean empadroados. Sobre a contía xa reducida haberá bonificacións engadidas. Deste xeito, familias numerosas e monoparentais pagarán 84 euros. No primeiro caso, o terceiro irmán tería praza gratuíta cando participen os tres na actividade. Tamén hai bonificacións por irmán: o primeiro pagaría 120 euros e o segundo, 84.

Deixar un comentario