Tras producirse os incendios de Souto e Frades, que arrasaron 20 e 9,22 hectáreas, respectivamente, desde o BNG comentaron que “o goberno municipal vai tarde na constitución das brigadas antiincendios do noso concello”. Engadiron que xa se superou o ecuador do verán.
Lembraron que as probas de selección remataron o 29 de xullo e, as probas de esforzo, foron o pasado 4 de agosto. “É dicir, que a estas alturas cabe pensar que a brigada antiincendios do noso concello aínda non está constituída”, aseguraron.
Recoñeceron que “as 12 persoas da brigada non evitarían os incendios deste fin de semana, mais si serían un reforzo para os efectivos doutras administracións”.
Para os nacionalistas resulta “alarmante” a “tranquilidade con que se toma o goberno do PP a constitución deste servizo, superado xa a metade do verán”, algo que xa se reitera no tempo. Ademais, tendo en conta que o contrato terá unha duración de tres meses, “estas 12 persoas estarán traballando até o mes de novembro, unha data na que o risco de incendio descende notabelmente”, quedando sen este recurso “a maior parte do verán ou da tempada de maior calor e risco de incendios”.
Debido a iso, desde o BNG instaron ao goberno municipal a comezar as probas na primavera.
Imaxe de portada: Incendio en Frades // cedida

Deixar un comentario