Galicia está vivindo horas de tensión debido aos incendios que están afectando, principalmente, á provincia de Ourense, na que se activou a situación 2. Nesta provincia, ás 20.00 horas, había 6 incendios activos de certa gravidade – aqueles que superan as 20 hectáreas, nos que hai vivendas en risco ou que afectan a espazos protexidos, que son dos que informa de forma pública a Consellería de Medio Rural.
O máis recente iniciouse ás 17.45 horas na parroquia de Parafita, en Chandrexa de Queixa e xa calcinou 400 hectáreas. Nel, á parte dos medios de Medio Rural, está actuando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), igual ca no outro que afecta ao mesmo concello e que se iniciou o venres na parroquia de Requeixo e que xa arrasou 4.000 hectáreas, sendo o peor incendio do ano en Galicia.
Ás 14.39 horas deste martes iniciouse outro lume na parroquia da Granxa, en Oímbra. Segundo as últimas estimacións afecta a 200 hectáreas. Neste incendio resultaron feridos tres brigadistas: dous sufriron queimaduras de consideración e tiveron que ser atendidos in situ polo 061 e outro desapareceu e foi atopado semiinconsciente. Os tres foron trasladados á Unidade de Queimados do hospital da Coruña e un deles, de 18 anos, atópase en estado moi grave. Debido a este incendio pechouse á circulación a A-52, quedando reaberta a última hora do martes.
Na cidade de Ourense un lume comezou ás 14.14 horas nas proximidades da vía do tren en Seixalbo. Evoluciona favorablemente e afectou unha superficie de 50 hectáreas, entre as que se atopaban varios alpendres. Unha das hipóteses é que se orixinou por culpa dun tren avariado. Debido a este lume, tivo que interromperse a circulación ferroviaria entre Galicia e Madrid e entre Santiago e Ourense. Na cidade, varios barrios tiveron problemas coa subministración eléctrica.
Na Mezquita, un lume arrasou 100 hectáreas tras iniciarse ás 09.42 horas na parroquia da Esculqueira. Unha residencia de maiores foi evacuada pola proximidade dos lumes.
Ás 03.13 da madrugada deste martes orixinábase outro en Maceda, parroquia de Santiso. Polo momento arderon 1.200 hectáreas e incorporouse ás tarefas de extinción a UME. Alí, un brigadista de Medio Rural rompeu unha perna tras chocar a motobomba que conducía contra un vehículo. Ademais, o coche da alcaldesa do concello quedou calcinado mentras ela supervisaba os labores de extinción.
Un incendio que se orixinaba nas proximidades da Estación Invernal Cabeza de Manzaneda obrigou a desaloxar a varios rapaces que se atopaban nun campamento na zona, sendo realoxados no complexo da estación.
Asemade, hai outros cinco lumes estabilizados: Cartelle-Anfeoz (20 hectáreas), Vilardevós-Moialde (40), Montederramo-Paredes (120), Vilariño de Conso-Mormentelos (180) e Maceda-Castro de Escuadro (450). En Verín atópase controlado un incendio que se orixinou de madrugada e que afectou a 9 hectáreas.
No resto de Galicia hai outro incendio importante activo. Comezou no Castro, Dozón, ás 14.32 horas deste martes e decretouse a Situación 2 pola proximidade do lume ao núcleo do Castro. Polo momento mobilizáronse 3 técnicos, 11 brigadas, 15 motobombas, 1 pala, 3 helicópteros e 2 avións. Pechouse ao tráfico a AG-53 (do quilómetro 55 ao 56), máis tarde, a N-525 (do quilómetro 275, en Mizoite de Arriba, ao 276, en Castro), que se estaba empregando para desviar o tráfico. Polo momento arderon 170 hectáreas.
A última hora do martes quedou estabilizado o que se orixinou na parroquia de Santalla, en Samos (Lugo) e xa queimou 200 hectáreas.
Tamén están controlados os incendios de Souto, na Estrada, que queimou 20 hectáreas, e o de Monteseiro, na Fonsagrada, que afectou unha superficie de 150 hectáreas. Este martes tamén se extinguiu un incendio no concello de Monfero que afectou a 4,88 hectáreas dentro do Parque Natural das Fragas do Eume.

Imaxe de portada: incendio de Oímbra visto desde Verín // cámaras da DXT


Deixar un comentario