Este luns o Concello publicou os decretos de contratación de persoal para a brigada municipal. Todos os postos, excepto o de peón, contan con todo o persoal que se ía contratar.
Deste xeito, as brigadas contarán con 2 peóns-condutor, 2 xefes de brigada, 2 condutores de motobomba e 4 dos 6 peóns que se ían contratar. Isto débese a que dos 7 candidatos ao posto, dous renunciaron e un terceiro non superou a proba de esforzo.
Estes contratos terán unha duración de tres meses e, a resolución, publicouse o día seguinte de terse producido os incendios de Souto e Frades. Mentras que desde o Concello aseguran que non fixeron o proceso de selección de persoal pola complexidade da tramitación, pois, antes de nada, hai que agardar a que saian as axudas da Xunta.
Críticas do PSOE
O PSOE da Estrada publicou en redes sociais unha mensaxe criticando a xestión de Gonzalo Louzao, asegurando que, “cando dicimos que Gonzalo empeora todo o que toca, é porque é certo. Mentres el vai sacar fotos de paparota ás festas, as cousas que debe facer un alcalde están así”.
No relacionado cos incendios forestais, “parece de broma” que se publicasen o luns os decretos de contratación das brigadas cando se estivo “dúas semanas en risco alto/moi alto de incendio”. Inciden na necesidade de “abrir antes os procesos de contratación e ter as brigadas operativas nos meses de máis risco”, pois “en novembro seguramente fan menos falta”.
No caso da recollida do lixo, comentan que, “despois dunha semana coa nova empresa, os contenedores continúan cheos a rebosar”. Tamén mencionan o intento de roubo que se produciu na Panadería de Rubín, que se produce “xusto despois de que o PP rexeitara a nosa moción para implantar medidas ata recuperar o turno de noite da Policía Local e ter máis axentes de Garda Civil no Posto da Estrada”.
Por último, mencionan a reforma do vaso grande da piscina, que “xa vedes que quedaron xenial”. No caso da Praia Fluvial, “aínda peor, co lixo repartido polas instalacións”, afirman.
Imaxe de portada: incendio en Souto // Concello da Estrada


Deixar un comentario