Pintaletras recolle axuda para os lumes de Ourense

Pintaletras recolle axuda para os lumes de Ourense

8 incendios continúan activos, sendo tres deles os peores da historia de Galicia

Ante a grave situación que se está vivindo na provincia de Ourense debido aos incendios forestais, Pintaletras ofreceuse como punto de recollida de axuda para os afectados.

Piden que se leve auga (tanto garrafas coma botellas pequenas); máscaras FFP2 e FFP3; lentes de protección; material sanitario como suero fisiolóxico, gasas e desinfectante; caldeiros, rastrillos e batefumes; comida como leite, froita, comida precociñada e cousas doadas e rápidas de comer; e roupa e botas innífugas.

A recollida ten lugar tanto este martes coma este mércores de 17.00 a 20.00 horas na tenda de Pintaletras na Rúa Castelao. A axuda destinaráse a Protección Civil de Ourense.

A situación continúa a ser grave

Segundo o último parte de Medio Rural – o deste martes ás 9.00 horas – continúan activos 7 incendios forestais, todos con orixe na provincia de Ourense.

O incendio que aglutina os que se iniciaron nas parroquias de Requeixo e Parafita (Chandrexa de Queixa) e Mormentelos (Vilariño de Conso) xa calcinou 17.500 hectáreas, sendo o segundo peor incendio de Galicia por extensión desde que hai rexistros. Ademais dos de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, tamén afecta os termos municipais de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Nas tarefas de extinción colabora a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O que comezou na Graxa (Oímbra) e que máis tarde se xuntou con outro iniciado en Gundín (Xinzo de Limia) xa afectou 15.000 hectáreas, entre as que se atopan terreos dos municipios de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Na extinción colabora a UME.

Na Mezquita comezou hai unha semana un incendio que xa arrasou 10.000 hectáreas e que tamén afectou aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo, así como territorio da provincia de Zamora. Para este lume mobilizáronse medios da UME e tamén colaboraron medios terrestres portugueses.

Tamén permanecen activos dous incendios que se iniciaron no concello de Vilardevós. O da parroquia de Moialde afectou a 500 hectáreas e, o de Vila de Cervos, a 900.

O peor incendio da historia de Galicia continúa activo tras arrasar 20.000 hectáreas. Orixinouse en Seadur (Larouco) e afectou aos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Asemade, saltou o Río Sil e está afectando ao municipio de Quiroga, ameazando a varias aldeas e á Serra do Courel, e tamén cruzou a fronteira con Castela e León. Na súa extinción participa a UME.

O incendio no que confluíron os de Vilar de Condes (Carballeda de Avia) e As Regadas (Beade) calcinou, polo momento, 3.500 hectáreas e tamén afectou os concellos de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.

Pasadas as 14.00 horas Medio Rural informaba doutro lume que, neste caso, entrou desde Zamora. O punto de entrada sitúano na parroquia da Ponte, na Veiga e supera as 20 hectáreas, á espera dunha nova estimación. Fontes oficiosas informan de que a entrada dese incendio produciuse hai 3 días e que calcinou Pena Trevinca, o punto máis alto de Galicia.

Nese informe tamén estaban estabilizados os de Maceda (3.500 hectáreas), Fumaces e A Trepa (Vilardevós, 100 hectáreas), Trasestrada (Riós, 20 hectáreas), Rante (San Cibrao das Viñas, 60 hectáreas), Paredes (Montederramo, 120 hectáreas) e O Sexo (Agolada, 400 hectáreas).

Do mesmo xeito, estaban controlados os de Nosa Señora da O (Muxía, 23 hectáreas), Vilarello (Cervantes, 150 hectáreas), Chave (O Saviñao, 60 hectáreas) e Monteseiro (A Fonsagrada, 150 hectáreas).

Imaxe de portada: mapa de incendios activos // NASA

Comentarios

Deixar un comentario