O Estradense presenta unha campaña de socios coa que homenaxear á afección

O Estradense presenta unha campaña de socios coa que homenaxear á afección

O pasado sábado o Estradense presentou a súa campaña de socios para a tempada 2025/2026, na que se colaborará con A Estrada Dixital. Esta campaña é unha das máis especiais dos últimos anos para o club roxillo.

Faise baixo o lema “Un Sentimento de Pertenza”, co que buscan render homenaxe á súa afección, motor do proxecto que mostrou o seu apoio incondicional durante moitos anos e durante as diferentes etapas vividas.

“A nosa xente é o que nos fixo medrar, o que nos deu forza cando máis o necesitabamos. Esta campaña é, sobre todo, un agradecemento a eles”

Toño Camba, presidente do CD Estradense

O carné de socio terá diferentes prezos en función do elixido. A opción máis barata é para os menores de 25 anos, que custará 30 euros. O carné para unha única persoa terá un prezo de 80 euros; para as parellas, de 105; e para as familias, de 130.

O carné terá en ambas caras unha imaxe da afección ondeando unha bandeira roxilla. Na parte frontal terá o escudo do Estradense e, debaixo, aparece escrito ‘#Unsentimentodepertenza’. Na parte traseira poderemos atopar o número de socio e o logo de A Estrada Dixital, entidade que colaborará durante toda a tempada. Cómpre lembrar que nos vindeiros meses os socios do principal equipo da Estrada terán vantaxes como clientes da operadora municipal e que se anunciarán nos vindeiros días.

Carné de socio // Estradense

O Estradense plantexa esta tempada coa intención de seguir medrando da man da afección, reforzando a identidade, os valores e a ilusión dun pobo que vibra cada fin de semana co seu equipo e coa certeza de que o Novo Municipal volverá ser a casa de todos e un espazo para sentir, vivir e defender o vermello do equipo.

Imaxe de portada: campaña de socios // Estradense

Comentarios

One response to “O Estradense presenta unha campaña de socios coa que homenaxear á afección”

  1. Avatar de Este mércores o Estradense coñecerá o seu destino na Copa Federación – Xornal da Estrada

    […] outra banda, a campaña de socios do Estradense xa conseguiu 650 abonados en cuestión dunha semana. Lembremos que este ano ser socio […]

    Gústame

Deixar un comentario