A Estrada renova a imaxe da súa Oficina de Turismo

A Estrada renova a imaxe da súa Oficina de Turismo

Este martes a Oficina de Turismo Rías Baixas da Estrada, situada na entrada da Casa das Letras, acolleu a presentación da súa nova imaxe. No acto estiveron presentes o presidente da Deputación, Luis López Diéguez; a deputada de Turismo, Nava Castro; a directora provincial desta área, Romina Fernández; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e os edís Manuel Magariños e Amalia Goldar.

O presidente provincial quixo sinalar o éxito da campaña de promoción turística das Rías Baixas “Cando Volver?”, que se centrou no interior da provincia, pois “as Rías Baixas están conformadas por 61 concellos, non é algo reservado só para a franxa atlántica”. Ademais, quixo convidar “a todo o mundo a que se achegue ás Rías Baixas, aos 61 concellos, porque os 365 días do ano temos experiencias para desfrutar”.

Louzao recoñeceu “a sensibilidade da Deputacion de Pontevedra para promocionar as Rías Baixas con todo o que ten que ver co interior da provincia”.

Luis López Diéguez // Deputación de Pontevedra

Mellora da rede de Oficinas de Turismo

Asemade, López Diéguez puxo en valor o esforzo que está levando a cabo a Deputación á hora de mellorar a súa rede de Oficinas de Turismo. O goberno provincial vén de resolver a concesión das axudas a estas oficinas, que neste 2025 repartiron 260.000 euros, 30.000 máis ca no ano anterior. Foron 29 os establecementos que se viron beneficiados, recibindo entre 6.300 e 14.000 euros cada un.

Estes investimentos permitiron que oficinas coma a da Estrada melloren a súa imaxe, ofreczan unha mellor atención e renoven certificados como o Q de Calidade, co que xa contan 8 oficinas da Rede Rías Baixas, entre as que se atopa a da Estrada.

“Queremos que calquera visitante que veña as oficinas de Turismo Rías Baixas atope unha información clara, concisa e unificada e que reciban a información que veñen buscar con eses parámetros de máxima calidade”

Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra

Imaxe de portada: presentación da nova imaxe // Deputación de Pontevedra

Comentarios

Deixar un comentario